Ramiro

Ramón Coira Luaces

AL SOL

16 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramiro era de familia labrega pobre, estudara maxisterio con becas e fixérase garda civil. El contaba con acabar como policía autonómico e apoiou a un sindicalista do corpo que buscaba a plena democratización do mesmo e a mellora colectiva da súa situación. Porén, os cálculos saíronlle mal e acabou destinado ao País Vasco nunha época na que ETA e o seu entorno estaban moi activos. Sabía o que lle agardaba alí, dun lado e doutro, e non quería ir; estaba agoniado; porén, non vía alternativa... Até que un día, estando na Pobra cuns días libres, falou con Ana, unha exnoiva súa, profesora no instituto de Becerreá, que tamén pasaba na vila boa parte das súas vacacións, e enterouse de que a parella que levaba o bar Merlín buscaba traspasalo porque o negocio non daba moitos cartos e saíralles algo mellor en Monforte. Ramiro viu o ceo e ese mesmo día falou con eles. Fora cousa de maxia e como tal o viviu. Atopou solución á cuestión económica pedindo un préstamo, presentou a renuncia e pasou a rexentar o bar Merlín, fuxindo así do traslado e do acoso psicolóxico que o anulaba como persoa (demócrata de esquerdas) e, especialmente, como galego. Todo saíu ben e el recobrou rapidamente a súa saúde e felicidade. Ana pasaba con frecuencia por alí, pois en realidade seguíanse gustando: fora a distancia e unha infidelidade a que os separara; porén, aquel verán retomaron a súa relación con ímpeto renovado. Ramiro estaba interesado na historia de Galiza, da que apenas sabía catro vaguidades e, cando non había xente no bar, Ana dáballe unhas clases informais. Ao cabo duns días -e a requirimentos del- falaron tamén de arte e literatura galegas, pois el quería saber máis da cultura galega -que á penas estudara superficialmente- e ela entendía de todo, máis polo seu esforzo e interese persoal que polos estudos oficiais. Os domingos pola mañá, Ramiro pechaba o bar e ían de paseo en bicicleta polos arredores, bañándose ás veces no río e gozando do esplendor natural da zona. Ramiro -como Ulises- fixera unha longa viaxe e sentía que chegara de novo á súa Ítaca. Esta vez para ficar nela. E, aínda que seguiría sentindo ese bafo opresor, polo menos era un tipo feliz.

Ramón Coira Luaces

53 anos. Funcionario xubilado.

Ourense.