10+3+9; 10.30

Manuel Antonio Sánchez Sánchez

RELATOS DE VERÁN

Manuel Antonio Sánchez Sánchez. 66 anos. Santiago. Xubilado

15 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Compartiron o último tramo do camiño diariamente durante a etapa do colexio, sentábanse ao lado o un do outro e sentían degoiro de aconchegarse toda a vida. Chegou a hora de ir ao instituto e escolleron o mesmo centro, foron á selectividade e aprobaron os dous. Xulia quería estudar para mestra de primaria na Coruña, tiña unha irmá alí e aforraría así os gastos do aloxamento. Antón quería estudar Administración e Dirección de Empresas en Compostela. Chegou con mágoa a separación, desexáronse sorte e quedaron en seguir véndose.

Xulia acabou a carreira, aprobou as oposicións e destinárona a un colexio do interior de Galicia. Coñeceu a un mozo que traballaba nunha madeireira a 15 quilómetros da súa residencia, viña visitala tódolos días. Entendíanse, decidiron casar. El viña puntual comer á casa, tiveron dous fillos, neno e nena. Cando a pequena tiña dous anos, seu pai empezou a faltar a comer algún día. Xulia notoulle que fixera unha grande amizade co «tinto de verano», tamén lle chegou un chisme de que comía cando non viña á casa xunto a unha compañeira de traballo. Xulia dalle un ultimato, non cumpre, decide romper con el.

Antón remata a carreira, fai prácticas en Paradores e fanlle un contrato no Hostal de Santiago como administrador. Ese día mándalle unha mensaxe a Xulia «10+3+9;10.30», quere dicirlle que nesa xanela a esa hora espera vela algún día.

O curso da titoría de Xulia fai unha excursión a Santiago. Xulia vai ao cargo deles e cando ían pisando as lastras luídas pola rúa de San Francisco, un dos escolares foi tirar un carozo dunha mazá a papeleira, Xulia parou o grupo para esperar polo meniño e ollando o lateral do edificio que tiña a súa esquerda contou as fiestras; primeiro grupo de 10, logo 3 máis pequenas, xa non seguiu contando, ollou o seu reloxo que marcaba as 10.30 horas. Chegando á última fiestra ergueuse nas punteiras, ollou pola ventá remelando, soltou un salaio silandeiro… Encóntranse as miradas de Antón e Xulia. Sorpresa para el, cumpría así co dito «a constancia ten recompensa», el mostroulles o Hostal e quedou con Xulia para cumprir os desexos da nenez.