O tolo do outeiro

Mónica Penas Vázquez

RELATOS DE VERÁN

Mónica Penas Vázquez. 57 anos. Cambre. En paro

08 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Era un mozo alto, de corpo atlético, mouro e ben parecido, de profundo mirar e estraño sorriso. Máis que sorriso, moca. Unha moca que lle daba un aire incerto, non sabería dicir de que. Chamábanlle o Tolo do Outeiro. Algo raro si que era, ou a min parecíamo. Vivía nunha casiña de brancas paredes, medio agochada entre os carballos do bosque, aló no alto, na cima do monte.

No inverno, víase antes do amencer, percorrendo os campos con longos pasos enfundados nunhas enormes botas de goma, un groso xersei de la, un pasamontañas, e un bastón con aguillón, para facer fronte aos cans que lle saían ao paso, ladrando temerosos coma cando presenten a presenza dunha pantasma.

No verán saía ao anoitecer, no luscofusco, cando os raios do sol se perden no horizonte entre lapas vermellas, amarelas e laranxas, internándose na noite de vagalumes e de grilos. Falaba pouco e escoitaba moito.

«¡É un vampiro!», aventuraban algúns, temerosos de atopalo aos pés da cama cando ían durmir. «¡É unha ánima en pena que busca acougo!», dicían outros, pálidos ao pensalo. «¡É a reencarnación do Demo!», ¡aseguraban os que crían que só de noite tenta ao Maligno! Un pouco raro si que era, ou a min parecíamo.

Camiñaba e asubiaba sen présa, sen facer barullo. Saía de noite co afán de observar a vida dos animais nocturnos, polos que sentía fascinación. De día encerrábase na pequena cociña, que lle facía as veces de estudio. Era unha estancia co chan de mosaico branco e negro, coas paredes forradas de cincentos azulexos estalados polo paso do tempo e atestada de plantas de todas as cores. Un gato marelo e gordo durmía enroscado ao carón da lareira. Ao pé da pequena fiestra, nunha gran mesa de castiñeiro, debuxaba e escribía por que alumean os vagalumes, por que oulea o moucho, por que cantan os grilos, por que sae o raposo, por que non ve o morcego... ¡por que non dorme a xente desta aldea!