Relato de verán de Alba Núñez. Curtis (A Coruña)
30 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Gustaba de soñar antes de caer nas mans de Morfeo. Sentíao todo un pouco máis real, e tamén un pouco máis próximo. Coma se puidese ocorrer ou ocorrese de verdade.
De tódolos xeitos, sempre lle viña á cabeza a mesma idea: unha vez imaxinado, xa nunca se cumpriría. Igualmente, ela facíao? Sabía que non había nada que perder, pois a realidade xa existía. Despois deste razoamento, o show arrancaba.
A situación comezaba a situarse a favor, e de súpeto era importante. Destacaba entre os demais e fixábanse na súa persoa.
Ata el gastaba un pouco máis do seu tempo nela, incluso para aproximarse. Incluso para falar con ela. Incluso para buscar a súa atención. Outra xente recoñecida tamén comezaba a achegarse.
Parecía un buraco negro, unha masa atraínte de todo aquilo que a rodeaba; de todo aquilo ao que ela realmente quería pertencer. A noite tornábase interesante: todo ía sobre rodas. Unha charla levaba a outra. Comezaba a mimetizarse co ambiente. E é que non había máis que mirala: non era ela.
Era esa muller que anhelaba ser, á que suspiraba por asemellarse, ou simplemente ter parte de parecido. A maquillaxe, a roupa, os xestos, as formas... O ente en si.
Aquela fermosa boneca que encaixaba naquel marabilloso mundo deseñado por ela, naquela cama ocupada por ela mais pola súa alma. Por aquela consciencia que o sono lle ía arrebatando, paseniño...