O señor que procura o sol

Manuel I. Nanín

RELATOS DE VERÁN

Relato de verán de Manuel I. Nanín. Libreiro. 46 anos. O Carballiño

10 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Todas as mañás que a situación o permite, o señor que procura o sol está no lugar de sempre. Necesita do sol e a iso se entrega. Así coincido con el cada vez que o momento nos aborda. Mais dun tempo a este andar o señor que procura o sol transmite tristura. Teño a certeira sensación de que cada vez está máis triste.

O seu rostro é limpo. Transparente. Ás veces asusta o que a través del podes chegar a ver. Incluso a recoñecer. Recoñecerte. Non estou nin estamos acostumados a iso. Iso é algo que desgraciadamente non se valora no noso acontecer cotián. Nin no ensino.

A ninguén lle importa se na limpidez do outro podemos descubrir o que o silencio dalgunhas persoas agocha. Temos medo. Asustámonos. E apodérase de nós o espanto. Cando intuímos que detrás dese rostro de desencanto tamén pode habitar o noso. Fáltanos brincar ese cativo chanzo que para todos se converte nunha barreira infranqueable.

O señor que procura o sol está triste. E os demais que o advirten foxen del. Evítano. O señor que procura o sol sábeo. Mais tamén sabe que el ten o seu sitio e alí está cada vez que o momento llo permite.

O señor que procura o sol foise facendo co tempo o meu amigo. E creo que a estas alturas xa nos podemos considerar o un do outro como moi bos amigos. El, así o entende. E eu tamén. Como tamén entendemos que a distancia gardada polos demais nos preocupa pouco. Moi pouco. Quizais, máis a eles.