Grandes esperanzas

María Xosé Fernández Cerviño PUEBLOGALLEGO

EL PUEBLO GALLEGO

Histórica manifestación en Vigo no Nadal de 1979 para reclamar a autonomía
Histórica manifestación en Vigo no Nadal de 1979 para reclamar a autonomía LLANOS

Algunhas das expectativas que se levantaron naqueles anos eran máis ben ilusorias, como o artellamento federal do Estado ou acabar coa división provincial en aras dunha Galicia autoorganizada baixo un goberno propio

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O bienio 1979-80 estivo cheo de inquietude política nas rúas. De novo en democracia, as primeiras eleccións xerais e municipais e o proceso de elaboración do Estatuto de autonomía sucedíanse nun movemento pendular entre as esperanzas de cambio e as expectativas defraudadas.

Estes sentimentos contraditorios precipitaron na chamada manifestación da aldraxe, que no Nadal de 1979 convocou na Coruña e Vigo unha demostración popular que pretendía reeditar aqueloutra na que, xusto dous anos antes, Galicia reclamara o seu Estatuto. O eixe da reivindicación viña ser que a nosa demanda era tan lexítima como as de Cataluña e o País Vasco. Pero existía unha división que parecía irreconciliable entre as forzas que se conformaban cun texto xenérico que servira para romper o camiño, e aqueloutras que refutaban o Estatuto e reclamaban as bases constitucionais. O debate, por momentos, foi intenso, pero quen máis, quen menos, deu en aceptar que a aquela vía imperfecta había que lle tirar partido, renunciar en ningún caso.

Quizais a cuestión suscitaba máis inquietude ca ilusión entre os que viviran o plebiscito de 1936 e, inmediatamente, a Guerra Civil. Sen ese lastre, eu apuntábame á ilusión, pero seguín o proceso cunha certa incomodidade, porque no círculo familiar, socialista, apoiabamos a fórmula estatutaria, mentres no ámbito profesional, en cambio, a posición estaba da parte do nacionalismo.

Despois do referendo positivo do Estatuto, o conato de golpe militar do 23F fixo cambalear por unhas horas angustiosas as nosas esperanzas. Ende ben, o resultado foi unha nidia reafirmación da maioría democrática, e en abril a autonomía de Galicia levantou o voo.

Recoñezo agora que algunhas das expectativas eran máis ben ilusorias, como o artellamento federal do Estado ou acabar coa división provincial en aras dunha Galicia autoorganizada baixo un goberno propio. Ao final, sucedeu o que Anxo Teixeiro prognosticaba no seu opúsculo de 1978 Autonomías e Constitución: os da banda de estribor conseguiron limitar a capacidade transformadora na que confiabamos, mais non as posibilidades de democratización que Ramón Piñeiro auguraba no limiar: «Cando a evolución democrática chegue ao nivel de madurez necesario, ela mesma irá levando a cabo as transformación económicas, socias e políticas que a súa natureza esixe». Leva corenta anos, e seguimos.