Tiñamos unha profesora na preparatoria que sempre nos preguntaba pola cor dos meses do ano. De que cor é o mes de xaneiro? E febreiro? E marzo? E nós debuxabamos no caderno o mes coa súa cor. Decembro tiña barbas brancas e era fondo negro con estreliñas. «Son os Reis Magos», dicía a profesora. Xaneiro e febreiro eran brancos. Marzo e abril, de cor verde. O mes de maio era sempre amarelo. Amarelo da chorima, que é a flor do toxo e da xesta (aínda que tamén hai xesta branca), e sobre todo a cor dos pampillos, que por estas datas enchen os campos cunha alfombra luminosa.
Con pampillos, cascas de ovos e laranxas do po faciamos as coroas dos maios. E aínda as fan en Pontevedra, Redondela, Vilaboa, Marín, nas rías todas… E as cruces do 3 de maio, un día coma hoxe, que sacaban polas casas os nenos e as nenas de Ourense, pedindo un galano aos transeúntes. Nas Mariñas de Lugo o maio é un rapazolo fardado de ramallada. De nenos saïamos varias semanas antes a apañar o fiúncho co que cubrir a estrutura de madeira que o señor Vilariño gardaba durante todo o ano nos baixos do colexio, e a mañá do día primeiro pasabámola cantando polas rúas: «Para facer o noso maio tivemos que ir buscar o fiúncho e mailas flores á casa de Ferradás. / Veu Ferradás coa escopeta ao lombo, pegounos un tiro e deixounos redondos», marcando o ritmo cos paus e o Nenillo metido dentro do estaribel de madeira facendo que falaba o maio. O Nenillo cantaba no coro do instituto e era quen mellor facía este papel. Ninguén llo discutía.
Na Maía, onde agora vivo, non hai costume da festa dos maios, senón memoria de alumear o pan. Clodio González Pérez estudou esta tradición que hoxe queda na lembranza dos vellos, aínda que algúns veciños novos quixeran recuperala. Alumear o pan, ou como tamén se denomina por aquí, o lumepán, é un rito antigo, posiblemente de raiceiras precristiás, que consiste en saír polas veigas contra a noite do día 30 de abril, véspera da entrada de maio, con fachicos acesos cantando e salmodiando oracións para escorrentar as pestes, as pragas, os malos espíritos a prol de que a colleita de trigo ou centeo se dea sa e con fartura. «Alumea o pan, cada espiga o seu toledán». O toledán é unha medida antiga de gran. Agora xa non hai trigo nin centeo, se acaso millo, que se aproveita para forraxe dos animais, pero a memoria da noite dos fachicos percorrendo os camiños aínda se conserva.
Maio é o mes máis luminoso do ano. O mes das flores e da primeira grande explosión da natureza. Tamén do tempo revolto, non con tantas choivas coma abril, pero case, e con temperaturas non sempre aqueladas, que ás veces se asemellan a marzo: «Pola mañá cariña de rosa e pola tarde cara de can». Os que viven nas cidades non se decatan, pero Galicia aínda é un mundo de aldeas, e de memoria dos vellos: «Polo mes de maio, a vella aínda queima o tallo, e unha miguiña que lle quedou para o San Xoán a deixou».