O home que o viviu dos dous lados: «Na rúa notas que hai derbi o domingo»

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

O pontevedrés coprotagonizou no campo a era dourada da rivalidade dos dous equipos

25 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Con 15 anos Rafa Sáez (1962) cambiou Pontevedra por Vilagarcía de Arousa para seguir medrando como futbolista. No seu equipo de Liga Nacional Xuvenil, a máxima competición daquela na última categoría de formación, ata que con 17 anos entrou no primeiro conxunto arlequinado, no que militou oito temporadas. Acto seguido, na campaña 1987/88 volvía a casa fichado polo Pontevedra C.F., no que vestiría de curto seis cursos. Ao hoxe director deportivo do Arousa tocoulle a feliz experiencia de coprotagonizar a era dourada dos duelos de rivalidade entre os dous veciños, nos anos 80, cruzándose dúas temporadas na Terceira División e cinco na Segunda División B.

Colgadas as botas, Sáez adestrou o conxunto granate dous cursos —máis outros tres de técnico axudante— e tres o Arousa, pero sen posibilidade de reeditar o derbi á fronte dalgún dos dous equipos. Agora, 31 anos despois, Rafa Sáez volverá vivir o gran derbi do norte da provincia desde dentro; inda que desta volta, o domingo desde as cinco no estadio municipal de Pasarón, desde a distancia que confire o palco principal.

«Sempre digo que o fútbol é dos futbolistas. Quenes van vivilo máis son os xogadores no terreo e as afeccións na grada», comenta Rafa Sáez. Con todo, o hoxe director deportivo do Arousa non nega que para el este derbi «é un partido emocionante que che trae bos recordos». No seu caso, e xogándose nesta ocasión en Pasarón, máis que accións do xogo ou actuacións dos protagonistas, os de «nomes ligados ao vello Pasarón. Castro Ruibal ou persoas entrañables coma Cholo Piñeiro», di. Lembra Rafa Sáez que os derbis en Pasarón «sempre foron moi atractivos» e marcados «por unha rivalidade moi intensa».

Máis aló das afeccións, polo feito de que «había sempre nos vestiarios dos dous equipos xogadores que viñeran do rival ou mesmo adestradores. Iso facía que houbese unha rivalidade moi sa e deportiva». Un elemento que non se dá neste momento, cos dous futbolistas con pasado granate hoxe nas filas vilagarciás, Campillo e Pedro García, baixa por problemas físicos, e sen ningún home nas do Lérez con pasado arlequinado. Unha circunstancia na que a bo seguro tivo bastante que ver o tempo transcorrido desde que ambos adversarios separaron por última vez as súas traxectorias, ao termo da temporada 2014/15, co ascenso do Pontevedra C.F. a Segunda División B tras conquistar o título de Liga do grupo galego da Terceira División.

«Equilibrados, de resultado impredecible e nos que sempre había goles». Así resume os choques Pontevedra-Arousa da década dos 80 en Pasarón Rafa Sáez, cos futbolistas impulsados por unha «grada moi animada».

A nivel persoal, o director deportivo do Arousa rememora o plus sobre o plus que el e o resto de xogadores pontevedreses no vestiario vilagarcián sentían durante os días previos a cada visita coa camiseta rival ao vello Pasarón: «Para nós tiña un significado especial. Na rúa e nas cafeterías a xente falaba do partido e vivíase con moita énfase. Era o partido máis importante da temporada, o de máis prestixio». E neste punto, polo que conta Rafa Sáez, tres décadas non cambiaron nada: «O partido vívese con intensidade. A xente pregúntache pola rúa, notas que hai derbi este domingo».