Día das Letras Galegas 1975, Xoán Manuel Pintos Villar

Xosé Henrique Costas González

PONTEVEDRA CIUDAD

14 may 2012 . Actualizado a las 19:44 h.

Xuíz, avogado, articulista, poeta e prosista, Pintos é a figura máis excepcional dos chamados precursores do Rexurdimento, intelectuais progresistas e ilustrados que procuraron a dignidade e a liberdade para Galicia. Mais sobrancea entre eles polo seu carácter pioneiro, xa que a súa obra A gaita gallega (1853) é o primeiro libro publicado en galego moderno.

A de Pintos é unha obra de importancia poliédrica: literaria, lingüística, sociolingüística, filolóxica, léxica, pedagóxica, etcétera, e, en comparación coa dos seus compañeiros de xeración, sobresae pola súa calidade, pola súa cantidade e por unha tendencia monolingüe en galego acentuada e insólita no seu tempo. Pintos é un seguro sucesor de Sarmiento, pola mesma defensa do uso literario e social do noso idioma e pola preocupación na difusión do coñecemento da lingua, como o demostra no carácter pedagóxico d´A gaita gallega ou no traballo de recuperación léxica plasmado no seu Vocabulario gallego-castellano de 1865.

Pintos ten tanta importancia na historia da lingua coma na da literatura galegas. El é a pedra fundacional do noso Rexurdimento, pola súa excepcional e variada obra lingüística e literaria e, sobre todo, por unha defensa rexa e aínda moi vixente dos usos sociais e literario da lingua galega.

* Obra

-A gaita gallega, 1853

-Vocabulario gallego-castellano, 2000 [edición de M. Neira e X. Riveiro]

-Obra poética dispersa de Xoán Manuel Pintos, 2006 [edición de M. C. Ríos Panisse]

Xoán Manuel Pintos Villar

*Pontevedra, 1811

*Vigo, 1876