Cunha goleada de escándalo sobre o colista do Grupo 4, 8-0 ao Idago Breogán, o Joyería Riveiro disfrutou o pasado sábado da condición de protagonista da vixésimo segunda xornada das Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra. Un marcador que, nembargante, non lle bastou ao conxunto cesureño para encaramarse ao alto da táboa, ao ter que conformarse unha semana máis co segundo posto tras un Bar Gento Abalo que tampouco fallou ante outro candidato ao descenso, o Marín Librería: 2-0. Os outros dous representantes da zona tamén saldaron con éxito os seus respectivos compromisos ligueiros, coprotagonizando un pleno pouco frecuente. O Fortuna San Martín accedeu ás prazas de ascenso derrotando 4-2 ao Rápido Bahía e aproveitándose do tropezo da Lama, que non pasou do empate a 2 na súa visita ao Verducido. O Catoira superou 0-2 ao Santomé. No Grupo 1 ou División de Honra, o Vilalonga cedeu na terceira praza 2 puntos respecto ao líder logo de non ser quen de pasar dun 2-2 en campo propio ante o Moraña. O Vilagarcía, que perdeu 2-5 co Cillero, ascendeu en cambio da sétima á sexta praza ao sancionar o Comité de Competición coa retirada de seis puntos o Netos da Coca por aliñación indebida no seu paso polo terreo de xogo do Bar O Compadre. Un choque que, paradoxalmente, perdera 2-1. A xornada ofreceu ademais estoutros resultados: Merendero 3-3 Cambados; Estradense 1-2 Hierros Arousa; e Netos da Coca 0-0 Amanecer. O Mecos-Arcade foi posposto polo falecemento da nai dun xogador do conxunto visitante. Xornada negra a rexistrada no Grupo 2, con dúas únicas vitorias, en sendos derbis: Castrelo 2-1 Xocas Café Bar, e San Pedro Lezama 4-1 Caleiro. Outros marcadores foron A Rula 3-0 Dena; Chorigal Cerponzóns 3-2 Sisán Deportes Piñeiro; Albariño 1-2 Centro Penitenciario A Lama, Soho Coffee 1-1 Portonovo; e Boa Vila Barrantes 0-4 Pontecaldelas. O Meaño zanxou no Grupo 3 cunha igualada sen goles o seu partido na casa co Sporting Marín. E No Grupo 6, reparto de boas, de regulares e de malas noticias. O Fátima venceu 2-0 o Mourente Restaurante e reduce de tres a un punto a súa desvantaxe co líder, un Terras de Curro que empatou a uns co Poio Bar Monterrey. O C.C. Vilalonga e o Armenteira asinaron sendos un a un nos feudos do Peña Bora e o Campañó. O Salud Veteranos, pola contra, caeu derrotado 1-2 a mans do Santo Paio.