«Galegando» pola cidade

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

FOTOS: CAPOTILLO

Praza da Ferrería

16 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A praza da Ferrería foi onte punto de encontro para perto de 2.000 escolares dunha trintena de centros de infantil, primaria, secundaria e educación especial de Bueu, Marín, Meis, Poio, Ponte Caldelas, Ribadumia, Cangas, Soutomaior e Pontevedra que participaron na nova edición de Correlingua, a carreira pola normalización lingüística. Baixo o lema de Galegando, os rapaces percorreron andando boa parte do centro histórico, partindo da rúa San Román e voltando a Ferrería pola Michelena. Galegando é un verbo inventando como xeito de fomentar a creatividade e imaxinación dos nenos ao traballar nas aulas sobre o correlingua. A Ferrería encheuse de nomes galegos, que os nenos portaban nas costas e no peito, desde animais e peixes, a froitos e árbores: acedías, cazón, pións, muxo, golfiño, balea, abeña, gaivota, cebola, figo, calacú, laranxa, castiñeiro, figueira, pero tamén bulir, escoitar, arranxar, acougar, beizos... e unha morea de verbas. Tamén figuraban lemas como lamber non é comer, cómame o demo, deixa chover, algo de porco tiña o fáltame unha fervura, entre outros. Algúns centros portaban pancartas, como a do IES A Xunqueira 1 que rezaba Deixa pasar o galego, Galegando pola cidade, da Xunqueira 1 ou Ninguén nos cala, do IES Salvador Moreno de Marín. Tampouco faltaron frases a prol do galego: En galego mellor, fala e escribe en galego, sempre en galego... e ata algunha frase de Castelao, «Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma». Nesta festa o alcalde Fernández Lores animou aos rapaces a utilizar o noso idioma todos os días do ano, e dous nenos leron o manifesto deste ano, Galegando, no mesmo sentido. Como estrela invitada participou o popular porco bravo Xabarín da TVG coa súa inseparable Xababanda, que fixeron bailar aos asistentes. E ao remate, na derradeira canción, soltáronse globos xigantes co nome dos centros participantes, que a modo de metáfora, espallaron o galego polo ceo. Pero antes de rematar, a concelleira María Xesús López Escudeiro, Xacobe Rodríguez, da organización do Correlingua, Manuel Barreiro, de Ciga Ensino, Iria Fernández, da Mesa pola Normalización, e Roberto Rivas, da Asociación Socio Pedagóxica Galega, repartiron lotes de libros entre os centros afortunados, que foi sacando dun sobre un neno de 5 anos, Rubén, do CRA de Meis, quen por certo, deulle sorte ao seu colexio.