Pontevedra

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA CIUDAD

¡ARRE HO! | O |

26 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

PONTEVEDRA son para min máis de mil bocatas nos soportais da Ferrería, máis de dous mil cafés en Vincenti, na Oliva, na casa de Méndez Núñez. Pontevedra son para min cerca de 200.000 quilómetros de estradas e autoestradas, horas e máis horas buscando aparcamento, dous coches, dez rodas do 95 e un monte de filtros e de litros de aceite e de gasoil. Pontevedra son para min media ducia de amigos para sempre, un par de concertos memorables e outro par deles lamentables, unhas cantas mudanzas -de casa e de vida-, varias molladuras e bastantes tardes ao sol, un solpor especial no cabo Udra e xornadas enteiras e inacabables de exploración xeográfica solitaria. Pontevedra é para min ir ao Municipal e contar cantos xogan de cada lado nun partido de balonmán e despois acabar mentando a mai do árbitro en Pasarón, un ascenso, un descenso e unha colección de himnos futbolísticos que cantarei en todas as festas do mañá. Pero Pontevedra tamén son uns cantos resfriados, unhas poucas broncas, un par de gastroenterites de cabalo e un paso polo hospital, vinte quilos perdidos en ningunha parte e trillóns de cigarros rubios. E chegar ao amencer á Lanzada e atopala cuberta de fuel oil, e que me ofrezan unhas ostias os da comisión de festas, e cans heroicos, escritores atormentados, cantantes en euskera e en inglés, futbolistas, construtores, serbobosnios, xenios, maleducados, gasolineiros, profesores, fascistas, cómicos, navegantes, peregrinos, policías municipais e marujas co pelo cardado. E tamén varios centos de páxinas, de crónicas, de notas, de noticias, de tardes poñéndome a proba e outras moitas de tranquilidade, e uns 450 artigos coma estes, máis longos ou máis curtos, máis demorados ou máis enzoufados, sempre escritos da mellor maneira posible. E vostedes, que aí seguen. martino.suarez@lavoz.com