AREOSO | O |
01 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.COA PEAXE da ponte de Rande está a pasar o típico na cultura política deste país. Cando un partido está na oposición, a eliminación do canon parécelle unha elemental cuestión de xustiza, e protesta a favor da súa supresión con argumentos prácticos e claros. Mais cando chega ao goberno, xa cambia o conto, e remolonea, e di que se buscan solucións. Pero as solucións deberían telas buscado antes, cando a protesta buscaba conseguir o poder e non arranxar un problema; cando prometían, de balde e sen riscos, facer o que agora non fan. E por outra banda, o partido que perdeu o mando en praza pretende que se faga en dous días o que non fixo en oito anos, e lávase as mans no tocante á propia inoperancia porque, sen responsabilidade de goberno, o falar non ten cancelas. Entre medias quedan os consumidores, que pagan o kilómetro de autoestrada ao prezo máis alto de toda España. Como alternativa só lles queda unha estrada prácticamente convertida en vía urbana e sempre saturada. Se os políticos estiveran obrigados a viaxar sempre por ela, o problema das comunicacións entre Pontevedra e Vigo habíase resolver axiña.