A mostra pictórica «Obxecto prezado nunca se compra» poderá visitarse ata o 27 de febreiro
21 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A artista Susana Beatriz de Castro Teixeira tiña previsto inaugurar este venres no Ateneo Santa Cecilia de Marín a exposición pictórica Obxecto prezado nunca se compra. Esta mostra é especial xa que só estará aberta unha única semana, ata o 27 de febreiro, podendo visitarse de luns a venres de 18.00 a 20.30 horas.
Dende o Ateneo precisaron que «a práctica artística de Susana de Castro iníciase na exploración da noción de habitar como acción fundamental que conforma o refuxio e a identidade, comprendendo o fogar como lugar ambivalente de crecemento e de recollemento, de unión e de reunión, que vén marcado pola identidade persoal e a necesidade de seguridade e intimidade». Isto determina que «espazo e suxeito xeran unha retroalimentación e contamínanse o un ao outro ao longo do tempo ata que o fogar, como contedor, acaba por ser reflexo de quen o habita», engadiron.
Nesta proposta que agora chega a Marín «os obxectos cotiáns adquiren un papel central como portadores de memoria, afecto e experiencia. Son elementos aparentemente simples, pero cargados de significado, que actúan como extensións do corpo».
Así, «a través de distintos encadramentos xérase unha sorte de emulación da intimidade, convidando ao espectador a asomarse a espazos protexidos (secretos) onde o doméstico se volve narrativo. A fantasía, o naif e a inocencia funcionan aquí como linguaxes deliberadas, reivindicando o xogo, a imaxinación e o pracer de crear como motor lexítimo da práctica artística», concluiu Celso Méndez, presidente deste colectivo marinense.