Das contas da igrexa


Da igrexa de San Vicente dos Groves queda moito por saber. Non de cuestións artísticas, hai o que hai, senón socio-históricas. Por exemplo: quen puxo o solar ou quen pagou traslado e nova edificación. Estamos no 1771 e había por Galicia, aquí tamén, conflitos entre veciños e párrocos, por dezmo, oblatas, contribucións ou polo uso dos bens do común. Nese ambiente levouse a cabo todo o proceso de traslado da igrexa desde Adro Vello ata Gormeán, localización actual. A antiga, exposta a todo na praia do Carreiro, fora construída pola época sueva, refeita cara ao ano 1000 e había a decisión de trasladala a onde, desde principios do XVIII, nun outeiro que dominaba a boca da ría, se situara a casa reitoral, ampliada en 1745. Xurdiron discrepancias cos veciños por non quereren abandonar ós seus mortos no Adro Vello ou por quen achegaba o solar. O dominio do curato estremaba polo leste con terreo do común dos veciños, pero estes, de facerse a remoción, preferían a igrexa céntrica, nas inmediacións da lagoa da Bodeira.

A lenda di que os perpiaños voaban de noite ata a situación actual pola vontade do Santo de que se reedificase alí. Milagre ou non, o 3 de febreiro de 1771 trazouse a cimentación en Gormeán e, non sendo a sancristía, o templo levantouse, do revés, en terreos do común. Ou por imposición ou por acordo entre cura e fregueses alzouse a carón da reitoral pero en solar veciñal, como me apuntou J. F. Vidal Iglesias. Alí quedan muros de peche e entrada á propiedade eclesiástica perpendiculares ao templo como testemuña pétrea de que o corpo da igrexa vai en terra do común. A contratación da construción gañárana os Sarrapio de Cotobade por presentaren a oferta máis barata: vinte e tres mil reais de vellón sen pór cal, madeiras, ferro, estadas, cravos, portas e ventás que aportou o cura. Non foi ata mediados do XX cando se fixeron panteóns, muro circundante e escalinatas, cun esbozo de Juan Vidal e armadas polos canteiros Elisardo Vidal e José Iglesias, empregando moitas lápidas antigas e co resto da pedra partida en Gormeán Vello. Os Sarrapio cobraron o acordado de mans do cura en outubro de 1771. Algunha suspicacia xurdiu porque o párroco convocou, xa o 22 de novembro, ao notario e a varios veciños para renderlles contas do gastado na nova igrexa.

Así sabemos quen a pagou, en reais de vellón: Os arcebispos Cayetano Gil e Bartolomé Rajoy, tres mil e cincocentos, respectivamente; Raimundo del Villar, cura de Santa Cruz de Castrelo, tres mil; da parroquia, dez mil catrocentos vinte e nove; da Confraría do Glorioso San Vicente, catro mil novecentos cincuenta e tres e de fondos administrados polos veciños Bernardo Vidal e Joseph Alonso, mil trescentos setenta e tres. É dicir: de exaccións aos fregueses, o 70 %. O cura, Francisco Doldán e Posse empeñouse nuns catro mil reais, que condonou a cambio de que «esta Yglesia y su Fábrica quando Dios fuere servido llevar de esta vida para Si al precitado cura le ha de dar el ornato necesario para amortajarle». Nin sei se se cumpriu esa condición nin de quen virá sendo a igrexa. Ou si.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

Das contas da igrexa