Intercambio de talento e radio escolar: de San Gimignano a San Clemente
CALDAS DE REIS
O colexio de Caldas acolleu esta semana a dúas mestras dunha escola de primaria da Toscana
06 mar 2026 . Actualizado a las 16:51 h.Grazas ao programa Erasmus+, o CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar, en Caldas de Reis, tivo o pracer de acoller esta semana a dúas mestras da Escola Primaria de San Gimignano (Toscana). Segundo explica o equipo directivo do colexio, durante a súa estancia de jobshadowing, as docentes italianas mergulláronse no día a día do centro educativo, poñendo o foco en dous dos seus piares: a radio escolar, «onde somos pioneiros», e a atención á diversidade, en estreita colaboración co departamento de orientación.
Como broche de ouro a esta experiencia internacional, uniron forzas para crear un programa especial con motivo do Día da Muller. Nesta emisión, as mestras convidadas son as protagonistas, compartindo as súas vivencias como mulleres e educadoras. Todo o alumnado participou activamente na preparación desta entrevista que este venres ve a luz. Dende o colexio animan a non perder o resultado, que xa se pode escoitar nas súas redes: Instagram, @ceip_san_clemente; Facebook, CEIP San Clemente; e YouTube, Canle CEIP San Clemente.