Da igrexa abandonada

BUEU

CEDIDA

08 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Na guerra de 1796 a 1802 contra os ingleses había poucos lugares máis abandonados pola Corona española que San Vicente do Grove. Éche certo que a tradición desta península foi a de que a devastaran cada pouco: a poboación dos Castriños fuxiu ao interior; os ocupantes de Adro Vello reedificaron, ruína tras ruína, aproveitando construcións anteriores e por iso alí quedan testemuñas, -que vergoña para Galicia o abandono!- da época romana, da sueva, da Alta e Baixa Idade Media e ata o XVIII. O último saqueo sucedeu no 1801 cando os ingleses arrasaron a igrexa nova e a reitoral, lonxe da aldea e desamparadas tamén polo rancor aos veciños de Diego Antonio Medina, quen, contra o que lle ordenaba Santiago, non vivía en San Vicente senón arrendado no Grove, disque con medo ao contaxio da tise por unha morte diso na reitoral. Este cura inmortalizou esa aversión ata nas partidas de bautismo, onde ía delatando quen era o pai descoñecido, mesmo outro párroco, ou quen non oía misa.

Nacera en Fiñana no 1749, de pai xerezano e nai almeriense; ordenárase diácono en Guadix no 1771 e uns dez anos despois aparecera en San Vicente. Aínda non topei a causa do traslado. Neste asalto volveu subliñar con prosa ampulosa a relación hostil cos fregueses. Relata que trinta e seis corsarios arribaron nun bergantín o 9 de xullo, arrasaron igrexa e reitoral e no sagrario deixaron «clavado y quebrado el sacrílego Azero». Sen mencionar a guerra, contabilizou o que saquearon e reiterou a crítica acerba contra a veciñanza: «desta segunda catástrofe nadie se compadeció, antes bien admiró y escandalizó a todos los pueblos comarcanos la indolencia e inadción deste

vecindario que pudo rechazar la inbasión al modo que lo icieron los pueblos de Vueo y otros». O traidor nesta ocasión fora Mariano Villafines, curiosamente da comarca de Bueu, como Cosme de la Ysla Cobián, corsario pontevedrés, a quen o cura cederá Moreiras dous anos despois. Tralo asalto, o andaluz botouse a reflotar a igrexa. Enviou un memorial á Corte e recibiu oito mil reais do ministro Pedro Joaquín de Murcia. Enumera todo o que comprou con eles, sen reproches á Corona pero recriminando aos da parroquia: «En bista de los repetidos asaltos y agresiones de esta Iglesia, a cuya translación no quisieron acceder los feligreses», os veciños, labradores, debían asumir a defensa do conxunto parroquial porque «su situación y soledad daba margen a otros muchos asaltos».

A curia ordenáralle elaborar un inventario, diferenciando o propio del, nada trouxera, do que pertencía «a estos (fregueses) y su Iglessia», para que o custodiasen os veciños. Fíxoo e ofreceu dar o seu á veciñanza, pero ante notario os fregueses rexeitaron a doazón e dixéronlle que podía gardarse o del. Despois de que asinaran as testemuñas dese suposto desacordo, o cura rubricou unha nota enigmática, declarando que «mucha parte de este robo tan escesivo lo condujeron a bordo Josef Vidal, mayordomo de ánimas y Antonio Álvarez, actual fabriquero y sacristán». Pérfido, non anotou se foron forzados ou voluntarios.