A páxina oficial do Concello de Bueu, www.bueu.org, leva dous anos sen actualizarse. Calquera que se achegue a esta web sorprenderase ó ver que Bueu segue a ser a «capital do polbo». O portal, estreado no ano 2001 co gallo da celebración da segunda edición da Festa do Polbo, nunca foi modificado. Na páxina pódese atopar información xeral sobre a historia da vila, sobre o seu patrimonio histórico e o museo Massó, por exemplo. Mais todo iso está acompañado do saúdo do alcalde da anterior corporación, Tomás Barreiro, e do seu cadro de concellerías. Unha sección adicada á escola obradoiro, pechada hai unhas semanas, e outra, por poñer algún exemplo, chamada «Don preguntón», que leva dous anos «en obras». O caso no que se nota máis claramente a antigüidade da web é o apartado de «Actividades». O único evento programado é a segunda Festa do Polbo, de finais de agosto de 2001.