O Salón do Libro máis musical programa en Pontevedra máis de 300 propostas
PONTEVEDRA
A recadación destinarase á Palestina, cultura convidada nesta edición
27 feb 2026 . Actualizado a las 10:19 h.«Botamos a casa pola fiestra». Desta maneira tan gráfica, o concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, deu conta este mércores da programación da vinte e sete edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se desenvolverá dende o 4 ao 22 de marzo. Ao longo desas case tres semanas hai previstas máis de trescentas actividades, entre elas quince exposicións, espectáculos exclusivos e presentacións.
E claro, música. Nun salón titulado Que non pare a música! non podía faltar a música clásica, a tradicional, a contemporánea ou mesmo o rock: «Haberá música no recinto, no Pazo, pola cidade, ata haberá música nos agasallos que van levar os nenos e as nenas que visiten O Salón», incidiu o edil, quen non ocultou que esta edición e moi especial ao ter como cultura convidada a Palestina. «Máis que nunca, este ano é cultura fronte a guerra, fronte a barbarie e fronte a ese sionismo que persegue, encarcera, tortura e asasina crianzas», engadiu precisando que se afondará nesta cultura en todas a súas vertentes, dende a literaria ata a musical e a gastronómica.
Neste sentido, destacou a colaboración con distintas entidades que están canalizando a solidariedade galega con Palestina, caso de UNWRA, Galicia e Pontevedra con Palestina, Heart of Gaza, BDS por Palestina, Creart ou Pallasos en Rebeldía. Este últimos, de feito, protagonizarán o espectáculo previo á inauguración oficial titulado Cultura contra a barbarie. Gala Artística por Palestina, para o que xa están as entradas á venda en Ataquilla.com. Esta desenvolverase no Teatro Principal presentado pola actriz Bea Campos e contando coas actuacións do Mago Teto, De Ninghures, Leti da Taberna e A Vela Circo.
Esta será a primeira das propostas solidarias con Palestina, como tamén o serán o concerto Rockerizados do RockLab do 15 de marzo, así como os pases de O papaventos de Bisán a cargo de Bonnie Cooper do día 21 dese mes. Neste eido, tamén é destacable a mostra HeART of Gaza. Memorias das crianzas palestinas. «Desgrazadamente, o único xeito en que podemos traer as crianzas gazanas a este salón é a través dos debuxos que fixeron e que podemos expoñer no Salón», remarcou Demetrio Gómez.
Pola súa banda, o 6, terá lugar a inauguración con Un concerto moi singular da man de Píscore e o Coro do IES Xunqueira I, que xa sorprendeu na entrega dos Premios Feroz, mentres que para a clausura optouse pola «banda de máis éxito entre os nenos de Pontevedra», Uxía Lambona e A Banda Molona.
Entre as novidades desta edición, Demetrio Gómez destacou o Orbil Fest do 14 de marzo, «o primeiro festival dedicado exclusivamente ao público familiar. Está pensado para os nenos» cunha «programación de música que racha coa pana». Está prevista a presenza de, entre outras agrupacións, Cé Orquesta Pantasma, A Banda do RockLab, Pakolas ou, na que será a súa primeira vez en Pontevedra, A Banda dos Insectos.
De igual xeito, o edil adiantou que, por segundo ano consecutivo, Pontevedra acollerá o 20 de marzo a entrega dos Premios Lazarillo.
Debido a inxente cantidade de propostas que se desenvolverán no Salón, Demetrio Gómez recomendou aos interesados que revisen a programación dispoñible. De igual xeito, precisou que, aínda que se trata do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, hai unha serie de actividades dirixidas a un público adulto, como pode ser o obradoiro de baile e posterior foliada do 13 de marzo no Mercado. E todo isto sen esquecer aos clásicos do Salón do Libro, como a Orbil Parade, que este ano completarase cun mapa debuxado por Kiko da Silva e que inclue un xogo para averiguar que relación existe entre a ubicación do emblema do Salón coa música