Vaipolorío trata de salvagardar en Pontevedra vocábulos propios do río dos Gafos
PONTEVEDRA
Pablo Carreiro xa recompilou máis de cincocentas palabras e expresións
13 feb 2026 . Actualizado a las 21:13 h.Baixo a denominación de Palabras esquecidas, a asociación Vaipolorío está a impulsar un novo proxecto etnográfico e cultural vinculado co «seu propósito fundacional de salvagarda, estudo, valorización e divulgación do patrimonio material e inmaterial do río dos Gafos». Nesta ocasión, o colectivo ambientalista marcouse o obxectivo de sacar adiante a publicación en formato libro dunha colección de vocábulos galegos recollidos nas parroquias pontevedresas de Salcedo e Tomeza por Pablo Carro Sobral, veciño desta última parroquia e integrante da asociación.
Deste modo, dende Vaipolor remarcaron o feito de que, «hai un tempo, Pablo Carro, de 85 anos de idade, propúxose ir elaborando unha listaxe de palabras esquecidas. É dicir, aquelas palabras ou expresións que, segundo o seu criterio, desapareceran ou corrían o risco de desaparecer da conversa, da fala cotiá».
Así, o obxectivo da súa angueira no foi outro que dotar a este vocabulario «en perigo de extinción» dunha sorte de arca na que gorecer do esquecemento este patrimonio inmaterial. O certo é que, ata o momento, a súa labor traduciuse no rescate de cincocentos termos, polo que «a directiva da asociación entendeu como necesaria a edición impresa deste tesouro léxico», engadiron ao respecto.
Actividades agrícolas
Neste sentido, remarcaron que «a baixa frecuencia de uso (ou o desuso) do material escolmado explícase en parte polo abandono das prácticas agrícolas e a forma de vida tradicional, posto que, unha boa porcentaxe do léxico recollido fai referencia a estas actividades». De igual modo, precisaron que «o etnógrafo Calros Solla, colaborador de Vaipolorío, intervirá no proceso de selección, ordenamento e corrección do material con vistas á súa posterior publicación».