Bibiana Villaverde conducirá a gala dos Premios á Xuventude de Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

XOAN CARLOS GIL

O acto desenvolverase este xoves na sede da Deputación de Pontevedra e rexistrouse un récord de participación

01 dic 2025 . Actualizado a las 16:23 h.

A xornalista Bibiana Villaverde será a encargada de conducir este xoves, a partires das 19 horas, a gala de entrega dos Premios á Xuventude no Pazo provincial. Trátase da edición que rexistrou un récord de participación, xa que foi o ano que alcanzou o maior número de traballos, cun total de 111 presentados para optar a algunha das categorías destes galardóns. Na gala, ademais, actuará André Touza, premiado no 2024 ao mellor traballo musical, a través do grupo Barallocas.

Ao longo da velada desvelaranse os 38 traballos galardoados que recibirán premios por valor de 31.000 euros. Neste sentido, a categoría co maior número de proxectos presentados é o de traballo literario breve, con 36 iniciativas, seguida da de fotografía orixinal, con 23, e banda deseñada, con 14 proxectos.

Ademais, completan os 111 traballos presentados propostas enmarcadas nas categorías de traballos de investigación, traballos musicais, iniciativas empresariais, traballos de deseño e moda, contidos audiovisuais, iniciativas xuvenís e iniciativas xuvenís en concellos, así como traballos de educación en valores. .

Con estes premios a Deputación de Pontevedra recoñece e valora publicamente os méritos excepcionais da xuventude e o seu potencial, talento e creatividade. Ademais, os Premios Provinciais á Xuventude representan o compromiso da mocidade da provincia de Pontevedra coa cultura, coa ciencia, coa investigación, coa iniciativa empresarial ou co medio natural.