La cantante Patti Smith, Premio Princesa de Asturias de las Artes 2026
O Concello propón «Ler (en) Pontevedra» arredor de libros relacionados coa cidade
PONTEVEDRA
«Son como glaciares os barcos de aceiro», de Cynthia Menéndez, estreará o clube de lectura o 15 de ocutubro
10 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello lanza unha nova iniciativa cultural arredor dos libros: un club de lectura bautizado como Ler (en) Pontevedra, que propón coloquios en torno a libros ou autores relacionados coa cidade. «O club nace porque caemos na conta de que Pontevedra está presente nunha infinidade de autoras e autores e nunha infinidade de libros —apuntou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez (BNG)—. É importante que os lectores afondemos nesa bibliografía que temos sobre a cidade para reflexionar, debater, celebrar, pensar e gozarmos entre todas e todos esta marabillosa cidade de Pontevedra».
Deste xeito, a característica máis destacada do club é que ben sexa os autores ben sexa as obras seleccionadas «van ter algunha relación coa nosa cidade: escritores nacidos/as en Pontevedra, que traballaron na cidade nalgún momento da súa vida, e libros que acontecen ou reflexionan sobre a cidade».
Xa están programadas as tres primeiras citas, en torno a tres libros senlleiros, e sempre coa presenza dos autores. O mércores 15 de outubro, as 19 horas na Libraría Paz, debate en torno á obra Son como glaciares os barcos de aceiro, de Cynthia Menéndez; o 19 de novembro, na Libraría Nobel, encontro con Montse Fajardo a partir de A vida incerta, biografía de Virxinia Pereira. E o 17 de decembro, a Fundación RACC acollerá un coloquio con Víctor Freixanes arredor da súa obra O triángulo inscrito na circunferencia.
A asistencia a cada unha das sesión está limitada a 40 participantes, polo que é preciso anotarse previamente na web apuntate.pontevedra.gal.
Montse Fajardo acompañou ao concelleiro de Cultura na presentación do club, e aplaudiu a iniciativa do Concello: «Gústame moito desta iniciativa que sexa un club que vai mudando mes a mes, que a xente decida a que encontro se anota e a cal non. Iso asegura que as persoas que asisten, leron o libro por que lle apetecía e non por imposición».
Demetrio Gómez adiantou que o proxecto terá continuidade en 2026, e que , aínda con datas pendentes de fixar, está confirmada a participación de autoras e autores como Xesús Constenla, Manuel Lourenzo, Sara Vila, Fina Casalderrey, Tamara Andrés ou Iria Morgade.