A mostra pode visitarse ata o 17 de novembro
02 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Deputación de Pontevedra inaugurou este venres a exposición Galicia desde el Mar na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas. Con esta mostra que poderá visitarse ata o 17 de novembro, o pintor vigués Antonio Abalde fai unha homenaxe á costa galega, ás súas rías e á vida mariñeira empregando acuarela, «técnica que lle permite xogar coa luz, a auga e a transparencia».
Segundo engadiron dende a Deputación, o artista «ofrece nas súas obras unha fiestra ás paisaxes, ao mar, ás xentes e á cultura galegas. Desta maneira, os cadros que compoñen esta mostra capturan a vida cotiá das vilas mariñeiras, coas súas barcas varadas, os ceos anubrados que anuncian tormentas e as redes colgando nos peiraos.
Nado en Vigo en 1951, Antonio Abalde «é recoñecido no ámbito artístico galego e máis alá das súas fronteiras. Desde as súas primeiras obras mostrou unha profunda admiración por Galicia, e iso refléxase na súa produción artística, que xira arredor das paisaxes, a cultura, a etnografía e a vida cotiá da rexión».
Precisaron que, ao largo da súa carreira, ten exposto a súa obra en numerosas galerías e centros culturais, tanto a nivel nacional como internacional.
A exposición Galicia desde el Mar pode visitarse de luns a venres de 9 a 20 horas, sábados e festivos de 10 a 14 e de 16 a 19 horas e domingo de 10 a 14 horas.