Onte rendéuselle homenaxe a Marica Campo e Xosé Cobas pola súa labor a prol da literatura infantil e xuvenil
27 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.
Co espectáculo de danza Senta que hai baile, Pésdelan serán os encargados esta tarde da clausura da edición deste ano do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Deste xeito, poderán quitarse o sabor agridoce da súa anterior presenza no salón, xa que, «en plena pandemia, o noso concerto foi en liña. Agora, coa situación felizmente cambiada, temos moitas ganas de facervos bailar e gozar coa nosa música e os nosos bailes», transmitiron por redes sociais.
Este domingo, e como broche, programáronse obradoiros gastronómicos, de videoxogos ou de animación en stop-motion, pero tamén espectáculos de maxia e sesións de contos, música e monicreques con Bea Campos e Manuel Pombal. E todo isto xa pensando no 2023.
En todo caso, e antes de que chegue o fatídico momento de apagar las luces, este sábado Carme Fouces, concelleira de Cultura, conduciu a homenaxe a Marica Campos, como escritora, e Xosé Cobas, como ilustrador. «Deixamos case para o final do Salón unha das nosas actividades máis queridas, a homenaxe ás persoas que contribuíron crear as bases da nosa Literatura Infantil e Xuvenil, da que tanto nos gabamos e presumimos por mundo adiante. Se hoxe temos unha LIX vizosa, non hai máis que mirar os andeis que temos na sala de exposicións e no recinto feiral, é grazas a quen iniciou ese camiño, a quen apostou por crer e crear en galego, para que as crianzas puidesen ler e soñar na nosa lingua», sinalou.