«O meu premio é que 'O monstro e a nena' xa estea publicado»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

O pontevedrés elaborou, xunto co seu fillo que entón tiña 5 anos, este conto, todo un canto á tolerancia

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante o confinamento pola pandemia do coronavirus, Jorge Costas e o seu fillo Sergio Costas Chaos, que por entón tiña 5 anos, pasaron o tempo construíndo unha nave espacial ou un castelo con cartón, compoñendo unha canción... «Ata que nun momento, díxenlle de facer un conto. Collín uns folios e un lapis e pregunteille de que o facíamos. E el dixo: ‘Un monstro'», explica o propio Jorge Costas aludindo á xénese de O monstro e a nena, a súa opera prima creada xunto co seu fillo e que acaba de publicar a editorial Galaxia.

—Empecei a debuxalo. «Ten cornos», díxome. Nun momento, pregunteille que é o que lle pasaba ao monstro e respostoume que lle doía un corno. Sorprendeume...

—Non imos desvelar máis dun conto que, para min, ten moito do espírito dese clásico infantil que é «Onde Viven Os Monstros», de Maurice Sendak.

—Non sei. Sorprendeume a historia, que tivese ese sentido. É unha historia bonita. Collín eses debuxos a lapis e co ordenador comecei a colorealos e facelos mellor. Mostreillos a Kiko da Silva e foi quen me dixo de presentalos en Galaxia. Presenteino, gustoulles e aquí está.

—Como foi esta resposta?

—A verdade que moi ben. Mandeillo por correo e, iso si, comentáronme que lle faltaban unhas páxinas máis. Eu fixera o libro na casa con tapas de cartón e coa impresora caseira. O meu premio xa é que saia publicado.

—E que dixo o teu neno ao ver o libro publicado?

—Colleu os dous, o publicado e o que fixera na casa, que se mollara e a impresora quedara sen tinta... Estivo vendo as diferenzas, leuno un par de veces e estaba emocionado. Creo que non é consciente. Por sorte, non vai de autor pola vida. É un xogo máis.

—Unha das características que máis me gustou foi que o debuxo fose bastante minimalista.

—Si. Gústame debuxar. Fago curtametraxes e películas de animación en 3D, pero facía tempo que non debuxaba.

—É unha historia sobre a incomprensión, sobre como unha persoa, neste caso o monstro, causa medo só polo feito de ser diferente?

—Por iso dicía antes que me sorprendeu que o meu fillo hilvanase unha historia con este sentido que dis abordando a inclusión, o medo ao descoñecido...

—Como está sendo a recepción desta opera prima?

—Moi boa. Á xente gústalle e estano comprando, incluso, en Madrid. Estou contento.

—Hai opcións de que teña continuidade ou é moi cedo?

—Pregunteille o meu fillo se tiña máis historias e empezou a contar unha do monstro que vai o espazo. Tiña moi boa pinta, pero quedou á metade. Díxome: «Só cheguei ata aquí». Deixoume con gañas de máis porque tamén volver a sorprender. É o que teñen os nenos. Nós temos unha mente xa feita e eles sáense da tanxente. Un día fixo un debuxo para a nai e debuxou uns edificios. Díxenlle que «tes que debuxar a túa nai, a nós e non imos caber. Fixeches os edificios e non vamos caber». E el contestoume que «non, non, nós vamos a estar voando». E foi xenial.