«Os prezos son bos para estar na costa de xaneiro»

La Voz

PONTEVEDRA

LUZ CONDE

17 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos sorprendidos polo que pasou en decembro na lonxa de Campelo foi precisamente o seu presidente, o patrón maior de Raxó, Iago Tomé

-¿Que pasou no último mes do ano 2020?

-O que pasou foi que os prezos foron cousa de tolos. Non se acordaban así e máis na situación na que estamos. Tamén é certo que nunca foran tan altas a cuotas porque había demanda, tanto no marisqueo a pe como a flote. Nós sempre facturamos moitísimo en decembro, pero o deste 2020 non ten precedentes. Nós non dábamos crédito. Non lle atopamos unha explicación porque, ademais, co coronavirus pensabamos que ía haber menos vendas.

-É dicir, por exemplo, non esperaban o récord da ameixa xapónica a máis de trinta euros o quilo.

-Nin por asomo. O noso mero era ver que ía ocorrer en decembro. Viñamos de ver o que pasara coa centola, que volveu da veda cun prezo regular, aínda que logo foi para arriba. Ademais, en decembro non sabíamos se íamos ter a quen venderlle o produto, polos problemas da hostalaría coa pandemia. E foi o mundo ao revés.

-¿Quen comprou o produto que se trouxo á lonxa?

-Aquí antes e agora están comprando todos, as grandes cadeas e tamén as depuradoras.

-¿Como está empezando o ano? Xaneiro é en condicións normais un mes de baixas cotizacións.

-Os prezos son bos para estar na costa de xaneiro. O que baixou algo é a centola, pero xa se está a recuperar e empezou a subir algo máis. Os prezos non están mal para ser xaneiro.

-¿Que expectativas ten para o resto do ano?

-Creo que o ano que temos enriba vai ser difícil, porque vendo o que se presenta co coronavirus non sabemos que vai pasar.

-¿E como valora o ano que ven de acabar?

-É lóxico que houbese menos vendas no conxunto do ano 2020 que na súa comparación co 2019. Hai que pensar que xaneiro e febreiro foron meses con prezo baixos e logo estivemos pechados moito tempo durante o confinamento. Logo estaba o problema da hostalaría, que reduciu as vendas. O que ninguén esperaba foi o que pasou cara fin de ano. O día dos Santos Inocentes, non o críamos, porque normalmente véndese 100.000 euros e ese 28 fixemos 225.000.