Susana Seivane, Pakolas e a Editorial Galaxia súmanse á programación da Culturgal

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

25 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo o lema de En caso de emerxencia, cultura, este venres arrancara unha nova edición da Culturgal, unha cita que nesta ocasión aposta por novas formas de achegarse ao gran público por mor da pandemia do coronavirus. Nas últimas datas, artistas como Susana Seivane ou Pakolas, así como editoriais están dando a coñecer as propostas coas que acudirán á feira da industria cultural galega.

É o caso da Editorial Galaxia, que chega a Pontevedra con distintas novidades literarias, entre elas Unha xustiza en diálogo co país. Conversas con Carlos Varela, de Ruth Novoa de Manuel, ou Lingua Guapa. Cantos que contan, de Fina Casalderrey, así como con perfomances para presentar obras como Árbores no deserto. De igual xeito, programáronse dous concertos, un de Pakolas como tarxeta de presentación do libro Ramona Órbita. A dona do tempo e outro de Néstor Blanco arredor de Lingua guapa. Cantos que contan. A situación actual xerada polo coronavirus tamén estará presente co libro Pandemia! A covid-19 sacode o mundo, de Slavoj Zizek e traducido por Carlos Aymerich e Francisco Castro. Conversarán.

Outras das moitas propostas que Galaxia ten previsto levar a Culturgal será a presentación dos premios de narrativa Torrente Ballester, así como distintas conversas arredor de obras do calado de O paraíso dos inocentes ou de personalidades da talla de Castelao, entre outras iniciativas.

Pola súa banda Susana Seivane continuará en Pontevedra os seus Concertos do desconfinamento. Promovido polo Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, a gaiteira de Cambre ofrecerá tres concertos de 20 minutos en outros tantos balcóns emblemáticos de Galicia, de tal xeito que a terceira e derradeira cita será no Pazo da Cultura de Pontevedra, o vindeiro sábado 28 de novembro, a partires das 18.30 horas.