Alfonso Zarauza: «?Ons? é un thriller emocional»

PONTEVEDRA

cedida

A película rodada na illa buenense inaugurará o vindeiro venres unha nova edición de Culturgal

22 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O compostelán Alfonso Zarauza será o encargado de inaugurar o vindeiro venres a edición deste ano da Culturgal co seu filme Ons. «O feito de abrir Culturgal, a feira das industrias culturais máis importante do país, é unha honra e un orgullo», recoñecía, ao tempo que non ocultaba o feito de que é «tamén unha responsabilidade. Culturgal é ademais un catalizador do estado da cultura galega polo que será ben interesante este ano contrastar o estado dun sector tan vulnerable e afectado pola pandemia como é o cultural».

-Falando da pandemia, estase a dicir que a cultura é segura, pero, pola contra, as restricións están a cancelar moitos eventos.

-Estanse a cancelar diariamente centos de eventos culturais, ao mesmo tempo está máis que demostrado que a cultura é segura polo que o feito de que as institucións non tomen medidas máis sensatas, como si as tomas en sectores con lobbies poderosos como o das liñas aéreas, é unha boa mostra do pouco que lles importa a cultura. Pero non existe ningún país cunha economía poderosa que non teña unha cultura poderosa. Mentres sigamos a ter un sector cultural miserable seremos un país miserable.

-Neste caso, e precisamente polo coronavirus, a proxección de «Ons» é un dos poucos eventos presenciais da Culturgal.

-Si, decidimos sacar adiante a película a pesar de ter todas as circunstancias en contra. Preferimos ser valentes porque hoxe en día é máis necesario que nunca. Podíamos adiar ao próximo ano como están facendo moitas superproducións americanas en busca de tempos mellores e taquillas máis excelsas, pero cremos que a xente precisa alimentar o estómago e o peto, pero tamén o espírito, e o espírito aliméntase con boa música, cos bos libros e por suposto cos bos filmes, entre outras cousas. Por iso a nosa idea é saír en salas comerciais en todas as grandes cidades de Galicia e de España o 18 de decembro. Vimos de presentar o filme no Festival de Sevilla, este domingo seremos o filme de clausura do Cineuropa, logo o de apertura de Culturgal e por último, o sábado 28, estaremos na Cineteca do Matadero de Madrid. E de aí o salto as salas comerciais.

-¿Como xurde a idea de rodar «Ons»?

-Ons é un thriller emocional que xurde pola necesidade de contar unha historia de amor e misterio nunha illa marabillosa e que se presta a iso, como é Ons. As illas son espazos xeograficamente limitados e iso produce unhas determinadas sensacións que se transmiten aos seus habitantes. Todas as illas teñen unha parte visible que emerxe sobre o mar e unha parte invisible que asolágase no mar, como a psicoloxía dos personaxes do filme, todos teñen algo que amosan e algo que agochan o que xera un gran misterio.

-¿Cal foi a parte máis complicada desta rodaxe?

-A rodaxe foi unha aventura marabillosa. Filmamos hai xustamente un ano, nos meses de outubro e novembro, con toda a illa baleira para nós, o cal é un enorme privilexio. Tivemos a complicidade da xente marabillosa da illa. Neses meses é cando percibes a forza climática de Ons. Rodamos baixo impresionantes temporais en praias e cantís. Foi unha experiencia dura, pero fermosa. Cun equipo e uns actores entregados. Tiven a enorme fortuna de traballar cun grupo de actores en estado de graza coma son Melania Cruz, Morris, Xúlio Abonjo, Marta Lado, Miguel de Lira e a belga Anaël Snoek.

-E estamos a falar dunha coprodución internacional.

-O filme é unha coprodución internacional entre Galicia, Portugal e Bélxica. O trinta por cento do investimento ven de fóra. Para un filme rodado integramente en galego, con equipo e reparto galego é todo un logro e fala moi ben do altísimo nivel que está alcanzando o cinema galego a nivel internacional. Isto é algo que as veces non se valora o suficiente pero por poñer un exemplo a RTP, a televisión pública portuguesa que mercou o filme, e o Ministerio de Cultura portugués están poñendo grandes cantidades de cartos para este filme. Iso permite que nos contemos historias dende aquí, dando postos de traballo ben remunerados dende aquí e amosando as nosas paisaxes, os nosos actores, a nosa lingua e a nosa cultura polo mundo adiante, e logo hai xente ignorante e estúpida que di que a cultura non sirve para nada. O único que realmente non sirve para nada é a ignorancia maliciosa e simplona.