Pontevedra, sede do Campus Noroeste da UNED

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Una de las aulas de la UNED en Ponetevdra
Una de las aulas de la UNED en Ponetevdra emilio moldes

Dende a cidade do Lérez coordinaranse os catorce centros asociados de Galicia, Asturias, Castela-León e Extremadura

01 oct 2020 . Actualizado a las 20:03 h.

No transcurso dunha xuntanza extraordinaria e urxente da Xunta Reitora do Consorcio Universitario do Centro Asociado de Pontevedra da UNED anunciouse que Pontevedra será sede do Campus Noroeste da UNED. Deste xeito, coordinaranse dende a cidade do Lérez os 14 centros asociados de Galicia, Asturias, Castela-León e Extremadura, destacaron dende a Deputación Provincial.

Nesta mesma sesión desuse conta, tamén, do nomeamento do profesor, actualmente en Segovia e xa director do Campus Noroeste, Víctor González Sánchez como novo director do Centro Asociado pontevedrés, que como nova sede do Campus Noroeste agrupa aos centros asociados de Xixón, Ávila, Burgos, Palencia, Ponferrada, Segovia, Soria, Zamora, Mérida, Plasencia, A Coruña, Lugo, Ourense e, por suposto, Pontevedra.

O deputado Carlos López Font destacou que a provincia, «que xa é coñecida e recoñecida polo seu prestixio académico e no campo da formación, o coñecemento e a investigación, dá un novo paso adiante». Resaltou que «esta decisión que hoxe coñecemos converte a nosa provincia nunha referencia de primeiro nivel dentro do esquema territorial da UNED».

Engadiron que a UNED ten actualmente cinco campus en España, de tal xeito que cada un deles dispón de diferentes áreas de coordinación: «Académica, orientada á xestión e creación de calendarios de formación regrada; extensión universitaria, coa finalidade de coordinar cos centros asociados actividades culturais e formativas non regradas e, por último, a tecnolóxica, que ten como misión manter e xestionar o equipamento tecnolóxico dos centros para facilitar as clases en rede».

Pola súa banda, Víctor González, que compatibilizará nas próximas semanas a súa actividade profesional entre Segovia e Pontevedra, desprazarase posteriormente á capital provincial e iniciará unha rolda de contactos con todas as institucións. Dase a circunstancia que no pasado xa tivo vinculación docente co centro asociado de Pontevedra.