«Aínda que quixera, non dou cambiado de estilo»

María Hermida
maría hermida BARRO / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O rexedor de Barro asegura que seguirá coa man tendida ao diálogo malia lograr a maioría absoluta

28 may 2019 . Actualizado a las 05:10 h.

Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG) non ri a gargalladas nin aínda que llo pidan os seus. Ao sumo, sorrí tímida e reflexivamente como o fixo na noite electoral, cando comprobou que o pobo, o que máis ordena, quere que siga gobernando en Barro e que agora o faga con maioría absoluta. Emocionouse agradecéndolle o apoio a súa familia e avisou aos seus novos concelleiros de que teñen o listón alto.

-¿Por que ten maioría absoluta?

-Penso que se valorou, máis aló das obras e cousas que se fixeron, que foron moitas, o cambio de estilo. Penso que gustou se que contara coa veciñanza, que se incentivara a participación en absolutamente todas as cousas e que se dera un trato igualitario a todos.

-Iso fíxoo estando en coalición co BNG. Agora ten maioría, ¿iso pode cambiar o estilo?

-Aínda que quixera, non dou cambiado de estilo. Eu son así, e teño a man tendida ao diálogo, tanto para os veciños como para as outras forzas políticas.

-Vostede gaña e o exalcalde Landín perde ao non volver ao poder, ¿felicitouno Landín?

-Non. E tampouco espero que o faga. Si me felicitaron algúns outros membros do PP aos que eu fun saudar na mesa electoral.

-¿Cales son as prioridades agora?

-Construír a depuradora, que haxa un novo centro de saúde e que a Xunta saque do caixón o proxecto de mellora da PO-531.