O universal idioma da música feito muller

Ángela Precedo / R. E. VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

OSCAR VíFER

A xoven cantante enorgullécese de ser unha das seleccionadas para actuar nun concurso televisivo

01 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Soe escoitarse que a música é un idioma universal que chega a todo o mundo a través das emocións que se condensan no son. Verónica Fernández, unha moza valguesa de tan só vinte aniños xa sabe moi ben o que é esa combinación experimentada na súa propia pel. Estudante de terceiro curso na facultade de Filoloxía Alemana da Universidade de Santiago de Compostela, é unha apaixonada de todo o que ten que ver con aprender novas linguas e comunicarse noutros idiomas. Sen embargo, para ela, nada se pode comparar co que a música lle axuda a comunicar. A través da súa voz é quen de transmitir emocións a quen a escoitan. «Sempre fun e son unha rapaza bastante tímida, polo que é incrible ver cómo son capaz de facer sentir ao público cas miñas cancións», afirma sorprendida do seu propio don.

A súa voz ten algo peculiar que a diferenza do resto. «A xente sole dicir que é bastante doce, e que grazas a iso son capaz de chegar ao fondo do corazón», explica. Os seus referentes a nivel musical son moi variados, e van dende Rocío Durcal, a nivel de rancheras, ata Isabel Pantoja ou Perlita de Huelva en copla, pasando por Natalia Jiménez no xénero pop. «Para min Nataliza Jiménez, a cantante de La Quinta Estación, foi a cantante máis ilustre na miña formación musical, porque pese a ser máis pop, levoume a descubrir os outros xéneros, tamén das orquestras».

A súa andaina no panorama musical comezou como a de calquera outra rapaza. «Empecei a cantar en primaria, aínda que xa me gustaba a música dende moi pequechiña, dende que teño uso de razón; tiña unha profesora á que lle encantaba cómo cantaba», sinala Verónica, mentres explica que para ela sempre foi moi importante o apoio recibido por parte dos seus amigos e familiares. «No instituto apuntábame a todos os festivais que había, igual que aos do Concello». A nivel profesional comezou de maneira moi casual: a raíz dunha desas actuacións nun festival de colexio, onde un grupo que actuaba polas verbenas estivais de Galicia a viu e se interesou por ela. «O grupo chamábase Alba e os integrantes son familia dunha compañeira miña, víronme e chamáronme por se quería ir con eles no verán», comenta asegurando que foi unha das mellores experiencias da súa vida e a que lle animou a seguir nesto da música. «A miña primeira actuación, en Ourense, foi desastrosa, xamais estiven tan nerviosa na miña vida, pensei que xa non podería subirme de novo a un escenario», di entre risas.

Agora ten sentimentos atopados, entre orgullosa e nerviosa por ter que representar ás Terras de Compostela no concurso Recantos de Luar. «Nunca esperei que me fosen escoller, eramos sobre 120 candidatos», recorda aínda sorprendida. Por sorte só era unha proba e non lle resultou difícil, xa que «pedían que cantases tres cancións de diferentes estilos e eu escollín aqueles nos que me sentía máis cómoda, tamén moi diferentes entre si: un pasodoble, unha balada e unha ranchera». Ante a pregunta de por qué representa ás Terras de Compostela, atópalle unha sinxela explicación: «A verdade é que me corresponde Arousa por ter Valga como localidade natal, pero xa había outra rapaza seleccionada que estaba máis próxima á comarca, entón pois tocoume Compostela». Agora mantense á espera de que en setembro lle digan o calendario de actuacións que seguirá os venres na Televisión de Galicia, onde poderá lucir o seu talento e demostrar que a súa voz merece a pena escoitarse. «Os meus compañeiros de programa xa son xente de orquestra, con grandes anos de experiencia, e o meu único obxectivo é aprender deles todo o que poida», comenta humildemente.

Nun futuro, pese a que non descarta dedicarse por algún tempo ao mundo das verbenas, non quere centrarse nel de maneira exclusiva, sacrificando a súa carreira para tal fin. «No mundo da orquestra atópome moi cómoda, pero nas orquestras a idade é a idade, non me podo dedicar a iso toda a vida, é importante ter outro traballo; a música é como un hobby», explica.

O que non lle quita ninguén é ese orgullo de poder dicir que con apenas vinte anos e sen formación musical xa conseguiu traballar profesionalmente nun grupo e representar ás Terras de Compostela nun concurso emitido para toda Galicia. De seguro, unha grande oportunidade para seguir loitando polos seus soños e un exemplo a seguir para moitas rapazas amantes da música.

«Sendo tan tímida como fun e son, é incrible facer sentir algo ao público cas miñas cancións»

«Nunca pensei que me fosen escoller; eramos un cento vinte candidatos para o programa»