Cun ascenso á Terceira no seu primeiro curso á fronte do Céltiga, o cambadés Edu Charlín (24 de Setembro de 1979) encara a su terceira tempada no banquiño da Illa.
-¡Vaia revolución a deste verán no vestiario do Céltiga! Vendo a política de baixas e de fichaxes, puidera semellar que se fixera a vostede mesmo unha emenda á totalidade respecto á tempada pasada...
-A xusta e necesaria. Na miña primeira tempada, en Preferente, fixemos 15 fichaxes; fíxose unha revolución para ilusionar a afección, e saíu ben. O ano pasado apostouse pola continuidade. Pero vimos que na Terceira é importante contar con xogadores con experiencia na categoría. Crin convinte facer este verán esa nova revolución por iso. Imos ver se ao final o tempo me dá a razón. O ano pasado non tiñamos ningún xogador determinante, eramos un bloque. Este ano confío en que siga sendo así, pero con xente con máis experiencia, Stefan, Eloy, Tato, Ángelo, Reigosa...
-O equipo está a dar unha imaxe moi sólida durante a pretempada...
-O que se busca en pretempada son sensacións. O equipo estáse a coñecer, a coñecer o corpo técnico, a afacerse a unha idea de xogo. Falta acoplarnos. O xen competitivo que se lle pide ao Céltiga estámolo a demostrar. O equipo deu boas sensacións. Pero cando comece a Liga non valen de nada. Ao final no fútbol o que vale é gañar.
-Xa hai quen toma boa nota do Céltiga unha vez visto o plantel reunido...
-Iso non vale para nada. É importante ter bos xogadores, pero o máis importante é ser un equipo; un bo equipo.
-¿Que podemos agardar entón deste novo Céltiga?
-Sumar eses 50 puntos que nos dean a salvación, agardando que non haxa descensos de Segunda B. Haberá 4-5 equipos que estarán arriba, e o resto decidiránse por pequenos detalles. Agardemos que cos xogadores con experiencia que fichamos eses detalles nos sexan favorables.