«Ningún neno pode quedar sen vir gozar do Salón do Libro»

Elena Larriba García
Elena Larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

A compañía Boabab, da que é responsable, estrea nesta edición «Pun Pun», a súa sétima produción de teatro infantil

16 mar 2017 . Actualizado a las 22:37 h.

Andrea Bayer conta cunha ampla e premiada carreira no mundo teatral. Esta actriz, narradora, directora e produtora teatral leva moitos anos, coa súa compañía Boabab, emocionando aos nenos dende o escenario. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil é como a súa casa. Alí pasará toda esta semana contándolle contos aos escolares polas mañás e os días 28 e 29 de marzo estreará no auditorio do Pazo a nova obra Pun Pun.

-¿Que lles está contando hoxe aos nenos?

-Varios contos que teñen que ver ca temática de este ano. Leni, que trata da diversidade, O homiño de papel, que fala do amor e das cousas bonitas que hai no mundo, A rá Xoana, que é a solidariedade, a amizade, a tolerancia....

-¿Como ve o salón este ano?

-Moi bonito, como todos os anos. A temática paréceme preciosa, é moi ampla e dá moito xogo para traballar e contarlles historias marabillosas aos nenos.

-Aos nenos tamén lles deu xogo polo que se ve nos traballos escolares presentados.

-Os traballos que fixeron son todos marabillosos, e gustoume que moitos deles estean relacionados coa xente maior, como o da Escola Infantil A Parda. Os maiores apórtanlle moitas cousas aos nenos e os nenos aos maiores.

-¿Que gusta máis aos nenos, escoitar os contos ou lelos?

-Depende da idade, pero eu creo que lles gusta por igual, aínda que saiban ler ben.

-Vostede é nai dunha nena e un neno ¿Contaralles contos tamén a eles no Salón?

- Xa estiveron o día da inauguración. Nora ten un ano e non para moito queta. E Nicolás, que ten sete anos, vai vir o venres e quere que lle toque con Tareixa, de Pavís Pavós. O ten moi claro.

-¿Como nai, que lle recomenda ás familias que aínda non pasaron polo salón?

-Todo o que está programado é moi bonito e recoméndolles que veñan a todo. Ningún neno pode quedar sen vir gozar do Salón. Sería imperdoable.

-¿Esta vai ser a primeira vez que estrea unha obra no salón?

-Non. Pun Pun é a sétima produción teatral de Boabab. Antes xa estreamos no Salón Luppo, O Soldadiño... Case todas.

-¿De que vai «Pun Pun»?

-Trata dunha nena, Marieta, rodeada de portas con historias. A mensaxe da obra é que os nenos teñen que poñer os seus límites, que ninguén pode obrigarlles a facer cousas que non queren. Eles tamén son libres.

Obradoiro «Fogares de cartón»

El Salón do Libro continúa hoxe recibindo as visitas concertadas dos colexios de Pontevedra e outros municipios da provincia para gozar dos distintos espazos deseñados e pensados para eles no Pazo da Cultura e recinto feiral.

Xa pola tarde, a partir das 17.30 horas, o Colectivo Os Ninguéns - Nova Xestión Cultural impartirá o obradoiro Fogares de Cartón, aberto ao público en xeral. Trátase de construír casas de cartón mentres se debate sobre a vida das persoas sen fogar sitúanse nun mapa de Pontevedra.

Posteriormente, as 18.30 horas, tamén con entrada libre, Brais das Hortas contará a historia Maleta vella, mundo novo, que vai sobre unha neta e o seu avó.