Non é miña intención quitarlle importancia ao maltrato físico, ni moito menos, mais gustaríame facer fincapé en todas esas historias ou vivencias que gardan en silencio moitas mulleres. Moitas delas, sen ser conscientes de que sofren maltrato psicolóxico. Viven no silencio dunha realidade difícil de aceitar. Porque no momento que alguén se posiciona un eslavón máis alto ca nós para insultarnos e desprestixiarnos, usando como arma «o noso infinito e insubstituíbel amor por nós». ¡Lembrade! Fano porque nos queren, insúltannos porque o merecemos ou porque a nosa actitude provocou o seu enfado. ¿Que fan esas mulleres? Calar, cambiar e poñerse a expensas de quen «co seu propio consentimento» se atreve a controlalas e gobernalas, baixo unha ditadura onde se non cumpres serás vítima dun reproche sen fin, un reproche que provoca o peor sentimento que pode provocar alguén nun ser humano: Culpabilidade, impotencia, incomprensión e odio a nós mesmas. Sentimentos que, pouco a pouco, nos van baleirando e pulindo. Cando nos decatamos xa non queda nada no noso interior. Aferrámonos a crer que iso é amor. El, pola súa contra, usa o noso amor para seguir facéndonos máis dano. E así case sen darnos conta, xa nos convertemos na súa vítima. O noso amor é súa mellor arma. Para que non fuxamos, dinos o moito que nos quere e nós pensamos que, como somos imperfectas e ninguén nos vai querer tanto como el, culpabilizámonos e elevamos a súa figura idealizada ata a nosa ilusión. Esa ilusión que, quizais, se esconde baixo algún deses contos de princesas e amores perfectos que nos leron namentres durmíamos nunha infancia perfecta e protexida. Esa ilusión coa que lle entregaches o teu amor sen saber que che roubaba a túa liberdade. Hoxe toca cambiar ese conto de princesas irreais. Si, difícil camiño, ás veces infernal, pero comezarás a construír a túa liberdade. Pensa que só hai dúas opcións: «Morrer ao seu lado» ou deixar que morra o teu amor por el e, sen darte conta, espertará o amor por ti, ese que todas nós debemos a nós mesmas. E así case sen darte conta espertarás do teu silencio...