Fina Casalderrey: «Toda a literatura abrolla da infancia»

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

A autora pide á RAG no seu ingreso unha especial atención á literatura infantil, «que non renuncia a explorar os corazóns adultos»

23 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Coa cabeza e co corazón, Fina Casalderrey fixo onte unha «viaxe á semente» da vida e da literatura no discurso co que entrou a formar parte da Real Academia Galega. Un discurso que como non podía ser doutra forma converteuse nun alegato en defensa da literatura infantil e xuvenil á que ela abre a porta na Academia e á que a institución, como dixo a autora, debe ter «especial atención», porque «non renuncia a explorar os corazóns adultos».

A escritora agradeceu poder pronunciar o seu discurso de ingreso na RAG en Pontevedra, «onde as pedras teñen alma», a cidade onde creceu e se namorou. Comezou falando dende «os refachos do corazón», para recordar a mulleres pioneiras que deron a coñecer «outras maneiras de ler o mundo», como Rosalía, Concepción Arenal o María Xosé Queizán; para homenaxear á xente da escola e rememorar a súa propia experiencia no descubrimento da cultura galega, e tamén para recordar a Xaime Isla Couto, cuxa cadeira ocupa agora ela, e concluíu a súa intervención realizando unha viaxe ata onde habita o imaxinario para afirmar que «toda a literatura abrolla da infancia». «O universo enteiro cabe na memoria da infancia e, polo tanto, son moitos os coidados que estes xermolos merecen».

A pontevedresa fixo entón un percorrido pola paisaxe que da infancia realizaron os máis importantes autores da literatura en Galicia, como Rosalía, Castelao, Neira Vilas, Cunqueiro ou Dieste, e mesmo outros universais, nas súas obras para adultos. Lembrou aqueles personaxes de nenos que eles escribiron e que lle deixaron pegada dunha literatura non etiquetada, «máis literatura diáfana». «A maioría dos autores e autoras -engadiu- fixeron literatura infantil e xuvenil sen procuralo; e a razón non está na idade dos protagonistas, senón no interese da infancia e a adolescencia por esas historias. E se, á inversa, facemos un percorrido semellante pola Literatura Infantil e Xuvenil, atoparemos historias profundas, cheas de lirismo, humor, fina ironía... Que sorprenderán e conmoverán aos adultos que se acheguen por primeira vez». Casalderrey preguntouse entón, «por que nos custará tanto desprendérmonos de prexuízos diante dun texto catalogado como infantil ou xuvenil?. Iso só significa que tamén é apto para degustar nesas etapas que tanto recorremos».

Antes de pasarlle a testemuña á Rosario Álvarez Branco, a súa compañeira de Bacharelato, quen leu o discurso de resposta por parte da Academia, Fina Casalderrey recordou de novo a Xaime Isla para sinalar que «é certo iso de que máis alá da neve nace unha flor, que non estamos ben, pero houbo un tempo no que nin soñabamos con estar onde estamos». «E desexo que a miña alma conserve un algo da inxenuidade da nenez por se volvesen os tempos de medos e silencio -dixo-. Non sei o que faría nese terrible suposto, pero sei que os complexos de inferioridade con respecto a miña lingua e a miña cultura esvaecéronse; non conseguirían, xa que logo, baleirarme por dentro».

«Son unha mestra de escola a quen lle deu por escribir, igual que a moitas e moitos outros»

«O alumnado fíxome ver que a literatura infantil é importante, porque eles, que a len, o son»

Fina Casalderrey