Creatividade no Salón do Libro para estimular a lectura

María Conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A destreza dos rapaces coas ferramentas coas que traballan resulta moi chamativa.
A destreza dos rapaces coas ferramentas coas que traballan resulta moi chamativa.

Escolares de Primaria participan en varios obradoiros no Pazo de Cultura

05 mar 2013 . Actualizado a las 14:10 h.

Tan só tiveron que cruzar unha rúa, pero aos alumnos do colexio A Xunqueira II ese paso de cebra conduciulles a toda unha aventura. Eles son algúns dos escolares de distintos centros galegos que ao longo desta semana sairán da súa clase habitual para encher as aulas que alberga o Salón do Libro Infantil e Xuvenil no Pazo da Cultura.

Ás portas do recinto todo son filas ben ordenadas e pequenos visitantes que entran e saen co sorriso nos beizos. Tamén no interior do Pazo, onde os alumnos soben e baixan escadas non só para ver as exposicións, senón para chegar a unhas clases que «les chiflan», como di unha das súas mestras.

Dous grupos de 4º curso seguen coa boca aberta as instrucións de Anxo Fariña: «Aquí non hai gomas. Pensamos e executamos». O de ilustración é un dos catro obradoiros aos que, en total, está prevista a asistencia de máis de mil alumnos esta primeira semana do Salón. Nel, os nenos constrúen o seu propio vehículo elixindo entre os parámetros que lles ofrece Fariña, pero sempre cun final aberto e persoal...

Na aula do lado, Lucía García axuda aos escolares a montar a súa Polaroid cun recortable en 3D, coa que poderán retratar -a man e cos seus debuxos- os seus recordos do evento. «Yo ya había venido otros años», conta unha alumna manexando con soltura a tesoira. E outro arte-facto é o que fabrican os seus compañeiros de terceiro xunto á artista Itziar Ezquieta. Con material de refugallo (desde os paus de xeado a tapóns, chinchetas, ou rolos de papel hixiénico) os alumnos elaboran o seu propio móbil, deseñando as máquinas que logo darán voltas. «Este curso é moi creativo -di a súa profesora-, como ves non necesitan axuda nin nada».

María Reboredo lles ensina como elaborar un scrap book (libro de recortes). Os pequenos crean a súa propia tarxeta, pegando e estampando elementos, cun gramófono como tema central. Todos estes obxectos os levan logo para a súa clase. «A verdade é que estou encantada -di Lucía García- e ves que lles gusta e o disfrutan».

Á saída do Pazo, algúns dos nenos atopan a mirada de Lucía na fiestra e despídense facéndolle fotos coa Polaroid. Sinal de que o recordo perdurará.