Caras coñecidas da cultura en Galicia, como os escritores Manuel Rivas ou Camilo Franco, o realizador Ignacio Vilar ou o editor Manuel Bragado, pero tamén da política, como Xosé Manuel Beiras, se deron cita na xornada de clausura da Feira das Industrias Culturais, Culturgal, no Pazo da Cultura.
A quinta edición do evento pechou onte despois de tres días de intensa actividade, nos que a organización destaca que o público volveu a refrendar a aposta pola feira. Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal, manifestou neste sentido que este refrendo é doble: «Primeiro, asistindo, e despois, implicándose económicamente nun tempo tan complicado e mercando os produtos que ofrecen as empresas expositoras».
Pola súa banda, Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, salientou o número de actividades e público, «a pesar do recorte orzamentario» e sinalou que nun contexto no que o sector arrastra unha caída do 30 % desde comezo do ano, que na feira non só se manteñan as vendas senón que medren é un gran éxito». Engadiu que a cita «quere seguir medrando e sorprendendo».
Unha das claves do éxito, según a organización, foi a programación profesional, na que o Foro Culturgal consolidouse como punto de encontro de referencia para o sector.