Hai semanas o Concello de Pontevedra decidiu recorrer a sentenza que recoñece o carácter veciñal dos terreos da Brilat e outorga a súa titularidade aos veciños de Salcedo. Sitúase así na banda do Ministerio de Defensa no seu intento de facerse coa propiedade plena dos terreos. Alega que, por coherencia xurídica, debe defender a legalidade dos seus actos. E renova deste xeito a súa tradicional incoherencia política e xurídica sobre o monte veciñal.
A incoherencia política nace de recoñecer publicamente o carácter veciñal dos terreos para de seguido negalo diante dun tribunal defendendo a usurpación feita en plena ditadura franquista. Como o foi no seu día votar a favor do convenio de Castro Senín para despois incumprilo sistematicamente. A torpeza é maior porque o Concello xa conta cunha sentenza emanada de xuízo declarativo, e os cargos políticos e os funcionarios están a cuberto dunha posible acusación de prevaricación por non defender bens municipais.
A incoherencia xurídica tamén é manifesta. Defender a legalidade do acordo de cesión dos anos 50 aos militares supón defender a desafección do seu carácter comunal, que aprobou alegando que os veciños xa non aproveitaban os seus montes. Iso daquela foi unha falsidade, pero defendelo hoxe é tamén unha incongruencia hipócrita. O departamento xurídico do Concello ten desde hai décadas unha postura errática sobre o monte comunal. Quizais son os mesmos asesores que aconsellaron a Rivas Fontán a cesión da Xunqueira do Vao a Asempo desprezando os aproveitamentos que facían os veciños de Lérez. Ou os que negociaron o convenio de Castro Senín cos veciños de Mourente para facer o cambio de uso dun terreo non clasificado. Quizais non sexan os actuais, que ignoraron a xurisprudencia emanada dos preitos de Peinador e A Madroa, que tantas coincidencias teñen co da Brilat. En todo caso, fracasos sonados.
Aducir agora a defensa do Patrimonio é unha nova forma desa incongruencia hipócrita. Porque nas parroquias hai moitos terreos de uso público, antigos terreos comunais que os veciños dedicaban a pastar ovellas ou plantar carballos. Non están clasificados na súa maioría, o que é aproveitado por particulares para facer apropiacións ante a indiferenza municipal. O Concello excluíu estes terreos do Inventario de Bens Municipais, pero rexistralmente seguen a ser patrimonio municipal. As comunidades de montes son remisas a pedir a clasificación como comunais, porque entenden que o seu uso está supeditado ao desenvolvemento urbanístico, e teñen reclamado desde hai anos que o Concello se faga cargo deles e garanta o seu uso público. Esta petición nunca obtivo resposta positiva. Pero o Concello ten que defender estas propiedades, para evitar casos coma os acontecidos nos 80, cando a Igrexa Católica inscribiu ao seu nome o terreo do Carballo de Santa Margarida e os adros de varias igrexas parroquiais. Non coñezo a postura daquela da asesoría xurídica municipal. carlos morgade. pontevedra