«Se o meu traballo ten éxito é porque teño determinación»

maría conde PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

09 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte volveu á clase, «á escea do crime» na que, como di, se fixo «delincuente». Se en Todos vós sodes capitáns, Óliver Laxe plasmó como director e actor a relación profesor-alumnos dunha escola infantil para nenos que viven nun refuxio en Tánxer, onte o realizador de orixe galega trasladouse ás aulas do campus para presentar nas xornadas Augal este filme, que obtivo o prestixioso galardón da crítica na Quincena de Realizadores do último Festival de Cannes.

A filosofía que tentou trasmitir aos universitarios é que «as cousas sempre son máis sinxelas do que cremos e que se o meu traballo ten algún tipo de éxito non é porque sexa un talento da natureza, é porque teño determinación e me sacrifico». Neste senso, se esta ópera prima foi autoproducida, tamén o será o seu vindeiro proxecto, un filme sobre unha mafia de traficantes de palmeiras do que perfila o guión e espera rodar no 2012, coa súa productora Feitum Films. «É unha película de autor, pero tentando romper esta fronteira entre alta cultura e cultura popular, hai artes marciais e carreiras de camións...».

O premio de Cannes valeulle para seguir presentando Todos vós sodes capitáns en festivais (agora vai a Siberia e México), pero aínda queda a asignatura da distribución. «Non hai cines en Galicia, a xente ten que entender iso. O que hai son salas con películas de gran producción. Os distribuidores e exhibidores non se atreven e teñen a tendencia de botarlle a culpa ao público, cando eles son os que teñen que crear o público. Imos tentar que se distribúa, pero precisamos o apoio das institucións de cada unha das cidades para que se pase en teatros... Tería que existir este circuito para aproveitar que a xente desexa esta película».