Intercambio multicultural de mozos europeos en A Lama

La Voz A LAMA/LA VOZ.

PONTEVEDRA

14 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

Vinte mozos e cinco monitores de Italia, Polonia, Holanda, Letonia e España están desenvolvendo un intercambio multicultural no Concello de A Lama baixo o título de Make it different! (Faino diferente!). Está organizado pola Asociación Xuvenil Monte do Castro de A Lama, grazas ao programa europeo A xuventude en acción.

O obxectivo principal do intercambio é fomentar a participación activa dos mozos do rural a través das artes e da cultura, como medio para combater o desemprego e tamén fomentar a cooperación xuvenil nos países participantes.

Os rapaces e os seus monitores, que foron recibidos polo alcalde, Jorge Canda, na Casa Consistorial, están aloxados no Hotel Aguesol de A Lama e durante toda a semana serán quen de convivir con mozos e veciños de municipio e de facer actividades en torno ao desenvolvemento rural, a arte e a cultura, ata a data de partida, fixada para o 18 deste mes, logo de visitar distintos puntos da provincia e da comunidade.

Entre as visitas que realizarán está a de Santiago, prevista para mañá, sábado. Peregrinarán ata a catedral dende o Monte do Gozo, e coñecerán o museo da catedral e o Museo do Pobo Galego.