Canso como está un de escoitar falar da crise do cine, Universo Crebinsky supón un bocanaza de aire fresco. Moito lle irían mellor as cousas a algúns directores se asumiran a promoción do filme como algo inherente á propia película.
É o que fan o director Enrique Otero, os actores Miguel de Lira e Sergio Zearreta e o conxunto da banda ao por en escea Universo Crebinsky, todo un espectáculo que combina humor, música e, como non, cine. Así o viviron nas súas carnes todo os espectadores que o pasado sábado acudiron ao Teatro Principal, entre eles Celso Bugallo, que ten un papel no filme no que apenas di dúas frases.
E é que, e vaiamos por partes, Crebinsky é un filme de silencios... De silencios e gritos. Con moito sentido do humor e case tanta desvergoña relatase por que o desembarco de Normandía foi nesta localidade e non en Galicia. Inolvidable Luis Tosar falando en inglés no papel do responsable dun submarino estadounidense, como tamén o está Patricia de Lorenzo interpretando a cantante Loli Marlene.
En calquer caso, son tres os protagonistas indiscutibles: Miguel de Lira, Sergio Zearreta e a vaca Muchka. Pouco desvelase do argumento si se di que os primeiros son dous irmás fillos dun náufrago ruso e unha galega e que a vaca, como diría Manuel Rivas, transcende o que é o animal para converterse nun tótem.
Universo Crebinsky é algo máis que a proxección dunha película. Ten o seu impás teatral, que polo visto no Teatro Principal faise demasiado corto de tempo, como tamén síntese a mesma sensación de que podería durar máis, moito máis, o concerto que ofreceron ao término da película a Banda Crebinsky, os mesmos que a tarde do sábado recorreron Pontevedra como un pasarrúas. No Principal puidéronse escoitar os temas que conforman a banda sonora da película, unhas cancións que parecen xurdir de mesturar na Turmix os sons do folclore ruso ou bielorruso co folk galego -iso si, sen apenas gaitas-.
Foi entón cando moitos lamentamos non poder levantarnos das butacas para comezar a dar saltos ao ritmo da música. Ademais, co engadido de ver a Zearreta recuperar o seu rol musical na Lamatumbá para interpretar unha das cancións.