«A situación da A-57 é moi preocupante»

La Voz

PONTEVEDRA

15 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As conexións de Pontevedra con Vigo e coa A-52 por autovía preocupan na Xunta polo retraso acumulado.

-Parece que a A-57 está hibernada con tres dos catro proxectos enriba da mesa e a obra sen licitar...

-O que mais nos preocupa e que, cando estivemos en Madrid co secretario de Estado analizando posibles retrasos de infraestruturas en Galicia, non estaba incluída a A-57. Dixo que aínda non tiña iniciado o seu percorrido como obra, que estaba en fase de proxecto e, polo tanto, non entraba nas reprogramacións. A situación é moi preocupante. É incrible que estea practicamente como estaba na campaña das eleccións do 2004. A variante de Pontevedra está exactamente na mesma situación. É certo que avanzou algo no deseño do proxecto. Temos que estar seriamente preocupados polo que vai pasar coa A-57, que nós defendemos que é a verdadeira alternativa á AP-9.

-¿Prefire vostede que se faga antes a A-57 que a ampliación da AP-9?

-Ese posicionamento non é exclusivamente noso. Foi tamén o inicial do ministro de Fomento, que mudou, creo que como consecuencia de que ten un problema ligado ás dispoñibilidades orzamentarias. Sabe que a AP-9 pode facela mediante a concesionaria e a A-57 non vai ter cartos para facela. Feitos como o da pasarela á entrada de Vigo demostran que esa cidade necesita unha alternativa que non sexa a pura ampliación da AP-9, senón unha autovía, libre da peaxe, que comunique todo O Salnés, porque ao final vai conectar no nó de Curro, coa autovía das Rías Baixas en Ponteareas e drenar todo o tráfico da AP-9.

-¿Cando fala da A-57 está a falar tamén da A-59?

-Efectivamente. Iso é outra cuestión incrible. O ministerio decidiu escoller un trazado co que todo o mundo non estaba de acordo, excepto o Concello de Redondela. A Deputación, o Concello de Pontevedra, o de Vilaboa, o de Soutomaior -salvo a Xunta que de aquela estaba o Goberno anterior- manifestaron a súa oposición ao trazado do ministerio. É máis barato o que querían todas as Administracións. Permite a mesma conexión entre Pontevedra e o aeroporto -paréceme que era un minuto mais de percorrido, é dicir, inapreciable- pero Fomento decidiu escoller ese trazado.