«O concello intenta botar á Xunta as culpas da afección da rolda»

A. Castroverde PONTEVEDRA/LA VOZ.

PONTEVEDRA

O conselleiro de Infraestruturas di que hai dificultades coas pendentes do trazado municipal e que está disposto a falar a partir dun percorrido viable recollido no plan

15 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Din de Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que ten na súa cabeza a rede viaria de Galicia. Catro anos residindo en Pontevedra e un máis na Deputación fan que a rede da cidade non teña moitos segredos para o máximo responsable das estradas galegas do que depende a decisión final sobre a rolda urbana.

-¿Ten solución o tráfico de Pontevedra sen a rolda?

-Terá solución en primeiro lugar coa circunvalación de Fomento. Non só vai unir as estradas nacionais á autopista, senón tamén as autonómicas de Campo Lameiro, Vilagarcía e Ponte Caldelas. O tráfico que non ten a súa orixe ou destino no centro podería ter unha alternativa que agora non ten. E, despois, tamén coa mellora das estradas autonómicas, da Pino-Bora, que sen dúbida vai ser unha arteria que permitirá sacar tráfico e conectar as diferentes parroquias. E logo a rolda é unha infraestrutura que debe estar recollida no plan xeral. Terá un efecto non só de canalización de tráfico senón tamén de crecemento e articulación dunha parte do territorio. Pero nesa orde.

-O Concello mantén que podemos eternizarnos caso de esperar a que a rolda se constrúa con terreos cedidos de plusvalías urbanísticas...

-Nós non estamos provocando que se espere ou se deixe de esperar. O que dicimos é que a rolda é unha infraestrutura que non se vai integrar na rede autonómica de estradas. A rolda, como no resto das cidades, debe articularse a través do plan xeral posto que Galicia está chea de crecementos urbanísticos aproveitando infraestruturas viarias. Aquí o que se trata é de facer as dúas cousas á vez, é dicir, un plantexamento de crecemento dunha poboación e a súa articulación a través dun vial de novo trazado. Era o que se estaba planificando por parte do Concello no plan xeral e por parte da Xunta -nós non tramitamos o expediente pero decidimos non paralizalo- vía redacción do proxecto de trazado.

-¿Por que se redacta un proxecto de trazado e non un estudo informativo ou previo?

-Porque o trazado estaría definido de acordo co Concello no marco do plan xeral. Agora o Concello o que intenta é botar as culpas dunha determinada afección dun determinado vial á Xunta. Nós cando temos que asumir as culpas as asumimos. No caso Pino-Bora, temos unha decisión tomada. No caso da rolda o que pedimos ao Concello e que faga o mesmo lealmente e é o que cremos que non se está a producir.

-¿Se o Concello pon o trazado a Xunta faría algún tramo da rolda aínda que non tivera os terreos a disposición?

-Se pon o trazado e debuxa unha rolda de acordo cunha planificación do Concello que nós consideremos que é lóxica e que ten viabilidade urbanística -non debemos esquecer que somos nós os que aprobamos definitivamente os plans de ordenación- o que está previsto, dentro do noso plan de mobilidade, é unha asignación orzamentaria para a rolda. Loxicamente, nós sentaríamonos co Concello e acadaríamos un acordo para desenrolar a rolda no marco dun convenio. O lóxico é que fora o Concello o que puxera os terreos a disposición e a Xunta aportaría o custo de execución da obra, ou poderíamos buscar sistemas diferentes, pero sempre en colaboración coa única condición de que a infraestrutura sexa viable.

-¿Por que?

-Porque tamén e certo que, nos primeiros traballos de deseño da rolda, pedimos información ao Concello e remitiunos unha documentación. Os técnicos da consellería a analizaron e hai problemas de pendentes e de afección dese trazado que propuxo o Concello. E, a partir de aí, por parte do Concello o único obxectivo que parece que intenta ter é trasladar a responsabilidade do trazado a outra Administración. Insisto, non é por non asumir unha responsabilidade. É que esa responsabilidade non lle toca á Xunta.

-¿Ese trazado non é viable?

-O primeiro trazado -o único que eu saiba que remitiu o Concello- tiña problemas de pendentes e problemas de deseño. Técnicos da Consellería, dentro desa lealdade e dese afán de buscar un punto de encontro, analizaron no marco do contrato de proxecto de trazado, posibles alternativas. Son as que se están a manexar agora dicindo se a Xunta tiña ou non tiña un trazado determinado. O que podo dicir claramente é que a Xunta non vai aprobar un proxecto de trazado da rolda que non naza do plan xeral de ordenación. Iso está clarísimo.