Barreiro Rivas explica a traxectoria de Acuña Malvar, un crego que quería transformar a realidade de España
23 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía Xosé Luís Barreiro Rivas, intervirá esta tarde na homenaxe que os colectivos de Salcedo renden a que ven ser o seu máis ilustres veciños, o sacerdote afrancesado Pedro Acuña e Malvar.
Ao persoeiro tocoulle vivir unha convulsa etapa na historia de España. Para Xosé Luís Barreiro, Pedro Acuña Malvar «destaca tanto intelectual como politicamente nunha etapa profundamente contraditoria e difícil de entender na historia de España, xa que se mesturan distintos procesos contraditorios e é moi difícil de moverse nela».
«Primeiramente foi un afrancesado no sentido intelectual, e dicir, unha persoa que captaba a crise que chegaba do antigo réxime de Francia e aínda co reinado de Carlos III era teoricamente de corte absolutista, estaba facendo unha política que poderíamos considerar ilustrada, nese sentido progresista. Ese sería o aspecto máis destacable da súa traxectoria política e intelectual».
Pero o afrancesamento, «cos rebordes que chegan da revolución francesa, empézase a interpretar como unha especie de risco contra a lexitimidade monárquica establecida non só en España senón no conxunto das monarquías europeas e por tanto, aquilo que estaba pensado como unha posición progresista e por tanto interesantísima e necesaria á hora de construír ou de transformar a monarquía cara a unha monarquía moderna, ponse en cuestión».
En función do que está a pasar en Francia ca caída de monarquía, empezan a xurdir preguntas de se iso non será un risco para a estabilidade da nación. «Entón -subliña Barreiro Rivas-, os afrancesados quédanse nunha contradición, nunha illa: O que antes era interpretado como positivo empeza a ser sospeitoso».
Guerra da Independencia
Logo, a invasión francesa de España e a Guerra da Independencia «converte aos afrancesados directamente en traidores e ponnos nunha discusión na que eles non estaban: o aliñarse na defensa do país contra os franceses, o que no fondo era a defensa da monarquía absoluta que eles consideraban en certa medida caducada, ou pórse en contra realmente da posición española, o que os leva a enormes preitos e xuízos polos que pasa Acuña Malvar, con evidente desgusto pola súa parte»
A situación aínda se vería máis complicada ca aparición «dos movementos constituíntes que van dar lugar a outra resposta contraditoria, a aparición dunha Constitución que no fondo tiña corte liberal e que vai ser encomendada no seu desenvolvemento a un monarca absolutista como é Fernando VII, e por tanto volven outra vez a estar nunha enorme contradición».
Finalmente, o politólogo considera que «a figura destes persoeiros e de Acuña Malvar hai que vela no seu conxunto e sempre como elementos que apuntaron a primeira necesidade de modernizar e transformar a realidade de España».
Sen embargo, «a contradición dos procesos sucesivos que se producen entre os anos 1790 e 1815, fan moi difícil describir a súas traxectorias como traxectorias rectilíneas e que se puideran cualificarse de progresistas, pois van dando bandazos dun lado para outro, non tanto en función das súas conviccións persoais canto en función da difícil interpretación que os españois tiñan do seu poder e o seu papel naquel momento».