«Desconfío da xente que se divirte pintando»

Chelo Lago

PONTEVEDRA

O artista pontevedrés expón 79 obras recentes na Casa das Artes de Vigo despois de vinte anos

10 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Logo de vinte anos, Celso Varela volve a expoñer en Vigo. Daquela, recorda sorrindo, «tiña que levar eu os cadros no meu coche e á hora de inaugurar non podía co lombo». Pola contra, agora, cunha longa e prestixiosa traxectoria as súas costas, «viñeron, empaquetaron a obra, asegurárona, a levaron e montaron a mostra... xa era hora», comenta.

Baixo o título de Dende a miña fiestra, o artista de Briallos, Portas, expón na Casa das Artes, ata o 12 de outubro, 79 obras, 50 óleos e técnica mixta, de tamaño mediano-grande, e 29 pasteis. «É a primeira vez que expoño nese espazo marabilloso, onde tamén está a Fundación Laxeiro, na planta baixa onde se fixeron as exposicións de Tamara Lempicka ou de Dalí» di con certo orgullo. Na mostra hai obras de coleccións privadas, prestadas para a ocasión.

O artista amosa cadros feitos entre os anos 2002 e 2009, «continuación da obra que eu viña facendo». «Basicamente -engade- o estilo é o mesmo porque o difícil para calquera pintor, músico ou o que sexa, é encontrar o estilo persoal que sexa identificativo, que vexas unha obra e que non faga falta mirar a firma. E unha vez conseguido iso, que é moi difícil pero que penso que conseguín, fagas o que fagas, sáeche. E como a escritura, aínda que queiras cambiar de letra, acaba saíndoche a túa».

Dedicación absoluta

A súa dedicación á pintura é absoluta. «Son un home que vivo para isto, para min é unha relixión». Confesa que se implica moito en cada cadro «ata o punto de pasalo mal porque excédome no tempo».

«A creatividade -afirma- é un estado de tensión, e ademais, desconfío da xente que di que se divirte pintando ou escribindo. Isto é unha cousa seria e como di un amigo meu, as diversións non son moi serias. Os que din que chegan a súa casa e se divirten pintando, iso é outra cousa, non é arte».

Moitas veces decide poñerse a pintar para pasar o rato, «pero cando me despisto, xa estou metido e non hai maneira. Chego a un gran estado de ansiedade e de angustia polo traballo e iso que non teño presión de ninguén, non teño imperativos nin económicos nin de galerías, nin de clientes, pois non pinto para ninguén, o fago para min».