O éxito da Festa do Labrego de Meis demostra o potencial da cultura propia sen necesidade de caer en extravagancias
06 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Na inmensa parranda na que Galicia muda cada verán hai un espazo para case todo. Para festas de vocación histórica, como a de Pontearnelas ou a pasada feira do XIX de Vilagarcía, para enchentes a base de callos, raia, vieiras, chourizos ou lagosta. Mosteiro vén de demostrar esta fin de semana, por segundo ano consecutivo, que neste desfile as raíces do país tamén poden xogar con avantaxe e consolidar un programa absolutamente atractivo tan só a base de rescatar oficios e maneiras que hai apenas uns anos eran tan cotiás coma hoxe o son os teléfonos móbiles. Chámase Festa do Labrego e onte devolveulle á praza de Meis aquel aire de feira central e multitudinaria que de sempre tivo.
Nun tempo no que hai nenos que non coñecen máis vacas cás que sorrín dende as caixas de queixiños en porcións, ter a oportunidade de acariñar uns puchos ou darlle de comer a uns cabalos é un pequeno trunfo. Se os pícaros son espelidos, mesmo hai oportunidade de quitar un discreto beneficio do asunto. Por algo unha panda de rapazolos paseaba onte pola praza de Mosteiro cunhas boas ameixas (de terra, non de mar, aquelas son cousa de Carril) á venda polo módico prezo de 10 céntimos de euro cada peza.
Afiadores, augardenteiros, costureiras coa súa mítica máquina Singer , zapateiros e tantos outros traballos que durante séculos deron de comer a moitos galegos hoxe figuran xunto ao urogalo na lista de figuras en perigo de extinción. Mais hai xente que aínda está en plena forma e demostra as súa habilidade mesmo artesanal e un agarimo cara o seu oficio que converten calquera demostración nun verdadeiro exercicio etnográfico.
A barra, situada baixo unha sombra que tanto protexía do sol como da choiva que por momentos caeu con forza, propoñía unha oferta difícil de rexeitas. As tapas non só estaban de primeira, ademais tiñan un prezo impresionante, apenas 1 euro as máis delas, 2 se a cazoliña se enriquecía cun ovo fritido. Zorza, roxóns, orella, callos, con pan trigo ou broa, viño do país. Receitas de sempre, que sempre funcionan ben.
O éxito desta segunda edición chama por unha terceira, facendo da primeira fin de semana de xullo unha cita subliñada no calendario festivo do Salnés. Ao mesmo tempo, en Pontearnelas se desenvolvía unha demostración de tiro con arco, había teatro infantil, falábase un monólogo versificado, de inspiración medieval, e mesmo se representaba O bautizo s eguindo as pautas que Valle-Inclán deixou escritas en Águila de Blasón . Mosteiro, sen necesidade de encetar un programa tan extenso, competía con fortuna co espectáculo escenificado na ponte e nas beiras do Umia, demostrando que o rescate das raíces do país, feito con gusto e sentido común, constitúe a mellor das ideas.