O programa de lecer, no que o pasado ano participaron 4.655 mozos, bota a andar a vindeira fin de semana
10 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O programa de ocio alternativo Noites abertas auspiciado polo Concello acada este ano a súa décima edición, cunha participación media de 310 persoas cada fin de semana do pasado ano, ata alcanzar un total de 4.655 mozos que pasaron polas súas actividades. Onte presentouse a nova edición, a décima, dun exitoso programa que propón numerosas actividades gratuítas en distintos espazos, dirixidas a mozos de 12 a 30 anos. En total, planificáronse 51 actividades para quince fins de semana, dende o vindeiro 13 de febreiro ata o 30 de maio -agás Semana Santa-, segundo subliñou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, onte na presentación dun programa que copiaron noutros concellos de Galicia. CEIP Froebel, Casa Azul, Pavillón Multiusos da Xunqueira, Pavillón do IES Sánchez Cantón, campo de herba sintética da Xunqueira, Centro Cultural de Monte Porreiro e os sendeiros do Gafos e do Lérez son os espazos nos que se desenvolverá o programa no que participan quince asociacións e entidades, dende Vaipolorío ata o Centro Quérote, pasando pola Federación Galega de Bádminton, o Club Deportivo Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra ou Pedro Cubela, que impartirá un obradoiro de masaxe tailandesa. As actividades, que se farán en horario de 19 á 02 horas, están divididas en distintos apartados, como físico-deportivas -as que máis adeptos teñen, como as desenvolvidas nos campos de herba sintética-, lúdicas, culturais, especiais e de desenvolvemento persoal e formativas. Celso Bugallo Como novidade, este ano haberá un obradoiro de fotografía-lomografía e outro de sexualidade impartido por especialistas do centro Quérote Galicia. Non faltarán os obradoiros de cociña, grafito, automaquillaxe, informática e distintos instrumentos musicais, ademais dos de disfraces e velas, xogos de mesa, manualidades, abelorios e tinguidura de camisetas, entre outros. Tamén haberá fútbol, bádminton, baloncesto, patinaxe e break e non faltará o Festival da Chicharra e o baile. Ademais, o actor Celso Bugallo manterá un encontro cos mozos para falar do seu traballo. Se ben todas as actividades son gratuítas, algunhas teñen límite de participantes e outras precisan inscrición, como as rutas nocturnas polo Gagos o polo Lérez, ou os obradoiros de erotismo ou afectivo-sexual. O programa empezouse a repartir por centros escolares e outros espazos frecuentados pola mocidade, para dar a coñecer a ampla oferta, que conta con un orzamento de 105.202,64 euros, no que colabora, con case a metade, o Plan Nacional sobre Drogas.