A Banda de Música de Pontevedra ven de presentar a súa programación correspondente a tempada de inverno, con nove concertos ata finais do mes de maio. Baixo o título de ciclo de butaca, en alusión a que as actuación faranse en recintos pechados por aquel de resgardarse da choiva, a programación aposta pola innovación e o apoio aos músicos mozos, coa presentación da Xoven Banda de Música de Pontevedra e a colaboración con intérpretes menores de 18 anos.
Adrián Silva Magdalena, presidente da Sociedade Musical de Pontevedra, subliñou na presentación da nova programación que nesta ocasión a BMP está de dobre noraboa, pois ademais de presentar unha programación coidada e moi interesante, tamén presenta ao novo director, Juan Lois Diéguez. Indicou neste sentido que houbo moitos aspirantes a dirixir a Banda, o que demostra «o interese que a agrupación esperta».
En canto aos concertos, o debú do novo director será mañá, xoves, cun programa de música galega de compositores actuais, e que estarán como espectadores no Teatro Principal.
En febreiro, o día 5 haberá un concerto en colaboración co salón do libro, baixo o título de Os instrumentos tamén se namoran, no que a BMP interpretará Romeo e Xulieta, de Tchaikovski, e a obra Bandland, de Bourgeois, moi divertida e simpática, con narrador.
Cambio climático
O 26 dese mes está programado o denominado concerto contra o cambio climático, por aquelo de que o verán pasado a choiva fixo que se tiveran que suspender varios concertos nas prazas da cidade. Os músicos interpretarán Arca de Noé, de Óscar Navarro, e a Symphony número 3 Planet Earth, de Johan de Meij.
Para o mes de marzo hai outros dos concertos, un monográfico dedicado ao compositor Martin Ellerby, o día 12, no que actuará como solista José Luis Vázquez Vidal, e outro, o 26, con tres solistas menores de 16 anos.
O mes de abril, coa Semana Santa cerca, comezará cun concerto na Igrexa de San Bartolomeu, o día 5, de grande dificultade e complexidade, pois a BMP interpretará o Requiem de Hydas, peza orixinal para banda e coro.
Finalmente, no mes de maio levarase a cabo o tradicional concerto das Letras Galegas, o día 14, en colaboración co grupo folk de Pontevedra Laghareu, os alumnos da Aula Folque Infantil e as pandereteiras Tanxedoras do pandeiro. A programación remata co concerto BMP e amigos, o día 28. Xuntaranse uns sesenta músicos para interpretar Dance movements, de Philip Sparke e Symphony número 1 Gilgamesh, de Bert Appermont.
A maioría dos concertos desenvolveranse no Teatro Principal e a entrada será libre e de balde.