Asociacións e institucións diversas celebran hoxe o Día Universal da Infancia con actividadespara os cativos
20 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Cine, maxia, obradoiros e xogos, compoñen o programa que diversas institucións e asociacións da provincia elaboraron para celebrar hoxe o Día Universal da Infancia, unha xornada na que os cativos serán os grandes protagonistas, activos e pasivos.
O 20 de novembro de 1959, a ONU firmou a declaración dos dereitos dos nenos, o primeiro documento no que se definen aos cativos como persoas de dereitos especiais. O mesmo día, pero trinta anos despois, establécese o convenio que describe a totalidade dos dereitos dos menores e adolescentes en todos os países do mundo, establecéndose unhas normas básicas que todas as persoas deben respectar.
Campus
A celebración en Pontevedra comeza no campus universitario, ás 9 horas, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, coa coordinación do profesor Jorge Soto Carballo, que ás 10 horas presentará o documental SOS Níxer, protagonizado polo enbaixadores de Unicef, os actores Ana Duato e Imanol Arias. Tamén plantarase unha árbore que simboliza o compromiso da universidade coa defensa dos dereitos dos nenos e lerase un manifesto da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a prol dos dereitos dos nenos. E logo, presentaranse uns murais elaborados polos alumnos. A xornada rematará ás 12.45 horas, co estreo nacional do anuncio de Unicef a prol dos nenos.
A Deputación tamén celebra esta data, coa participación duns 600 rapaces de 25 colexios públicos da provincia que participarán, na Cidade Infantil Príncipe Felipe, de distintas actividades de lecer. Os rapaces chegarán ás 10 horas e ata as 14 rotarán para participar nos obradoiros de maquillaxe, traballos manuais, chapas, globoflexia e reciclaxe preparados para eles, ademais de xogos populares, inchables e outros moitos xogos. Tamén poderán disfrutar dun espectáculo infantil do prestidixitador arxentino Rei Midas, que despregará os seus trucos, sempre aderezados con moitísimo humor. A xornada rematará con reparto de golosinas.
Cine e debate
Por outra banda, a Fundación Meniños está a ofrecer un ciclo de cine infantil que comezou o pasado luns. Pero para hoxe e dirixida a un público adulto, ás 18 horas, no Teatro Principal, está prevista a película Buda estoupou por vergoña, unha coprodución francoiraní da moza Hana Makhmalbaf, que conta so con 18 anos, e que foi gañadora do premio especial do xurado de San Sebastián. Trátase dunha metáfora político social na que os nenos reproducen nas súas vidas as actitudes aprendidas dos maiores. Contén unha certa dose de denuncia á intransixencia talibán, ao machismo ou á violencia do seu réxime ditatorial. Pero tamén critica o dominio americano posterior que lles impide manter a súa propia idiosincrasia e tradición. Logo do pase da película, abrirase un debate entre os asistentes.
E Cruz Vermella preparou para esta tarde, de 16.30 a 18 horas, unha serie de actividades organizadas polo equipo de voluntariado, para celebrar esta data e dar a coñecer os dereitos do neno. Elaborarase un mural sobre os dereitos da infancia e haberá tamén actividades de globoflexia e pintura corporal, ademais dun posto onde se repartirá información sobre os proxectos que esta institución leva a cabo na cidade con respecto aos nenos.