15 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os xestos teñen valor. E as palabras, tamén. Un xesto relevante foi o saúdo frío de Aznar a Rajoy no último congreso popular. Unha palabra importante foi, por exemplo, antipatriota . Pronunciouna Zapatero antes das eleccións de marzo para evidenciar a aqueles que pensabamos, e pensamos, que a cousa económica decrece. Outra palabra é crise . E outra é Tourmalet . Ti pronuncias o sintagma Tourmalet e, sen querelo, cargas con todo o peso da historia ciclista. Onte, mentres os deportistas pedaleaban o mítico cume pirenaico, eu pensaba no meu bar de sempre. Teño dito en moitas ocasións que o ser humano precisa, para definirse, un bar. Ou sexa, que temos que levar un bar no corazón, como levamos o amor e sangramos o fracaso. No bar contemplabamos o ciclismo de Perico e de Indurain. A televisión ofrecía e ofrece, coa imaxe do corredor que figura escapado, unha frase francesa: «Tête de la course». Cabeza de carreira. Unha tarde daquelas de xullo, na barra, entre copas de coñac, un individuo miraba e admiraba a pantalla televisionaria. De súpeto, mentres a imaxe reflectía o esforzo dun corredor subindo montañas, o paisano do coñac exclamou en voz alta: «¡Que bo é ese Teté de la Cur, como sobe o tipo!». Nós, os que seguiamos a diario o Tour, preguntamos: «¿Como di vostede?». «Nada, ho, que tiña algún equipo español que fichar a ese». «¿A quen?». «A Teté de la Cur -repetiu apegado á súa copa-, que sempre vai de primeiro». Teté de la Cur perdura na miña memoria como os primeiros bicos, o primeiro cigarro, o primeiro amor. Por tal motivo onte, mentres contemplaba os ciclistas trepando o Tourmalet, eu pensei na importancia das palabras que non se olvidan. Unhas agárranse aos recordos felices. Outras deben amarrarse ao pozo do olvido: antipatriota , Azores , Aznar . Oxalá este verán encontres risas, labios, risas. E a Teté de la Cur... pedaleando.